PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nace a primeira empresa no marco do Equal Compostela Social

18/05/2006 O Atelier de Moda "Belén Mosquera" é a primeira empresa nacida a partir do Proxecto Equal Compostela Social, unha iniciativa que comezou a funcionar o pasado mes de febreiro e da que se agarda que saian unhas 50 empresas. A empresa botará a andar a vindeira semana e ten o seu local na Fonte de San Miguel.

A nova empresa dedicarase á confección de traxes de alta costura e complementos á medida das clientas, fundamentalmente para vodas e festas. Despois de 12 anos de experiencia no sector, o proxecto Equal serviulle a Belén Mosquera para decidirse ao fin a lanzar o seu propio negocio.

O camiño desta deseñadora percorrerano pronto outros emprendedores. En concreto, o Equal Compostela Social arrincou en febreiro con 40 persoas, divididas en dous grupos. O primeiro deles está agora na fase de avaliación de ideas e de elaboración de propostas, e posteriormente afrontará unha etapa de prácticas en empresas. Segundo indicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, "xa hai outras 15 empresas que están nun proceso moi avanzado".

O segundo grupo de 20 persoas comezará a súa formación no mes de xuño. En total, o Concello de Santiago contará con 120 participantes no Proxecto e o obxectivo do mesmo é crear unhas 50 empresas.

Os beneficiarios do plan participan nun proceso de formación de tres meses de duración. Neste período trabállanse os principais aspectos relacionados coa posta en marcha e xestión dunha empresa. Ao mesmo tempo, os participantes comezan a elaborar o proxecto para a creación da súa propia empresa, incluíndo a construción dun plan de viabilidade.

Rematada a fase de formación e durante un mes, os usuarios teñen a posibilidade de coñecer a actividade diaria dunha empresa semellante á que desexan constituír. Paralelamente continúan elaborando o seu plan de empresa, perfilándoo e dando os primeiros pasos para a súa posta en marcha.

Naqueles casos nos que a proposta deseñada atope dificultades insalvables para a súa entrada en funcionamento, o plan Equal contempla a posibilidade de fomentar a inserción laboral por conta allea dos seus usuarios.

Ao longo de todo o proceso, dende a elaboración do proxecto, os beneficiarios contan co apoio e orientación dun titor e dun equipo técnico multidisciplinar. Esta tutela prolóngase durante o primeiro ano de vida das empresas creadas no seo do proxecto Equal Compostela Social. Para afrontar todo este proceso e a constitución da súa empresa, os emprendedores contan cunha liña de subvencións.

Compartir: