COMERCIO

O Concello identificará dez oportunidades de negocio para emprendedores en San Pedro

17/12/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, acompañada da técnica de Comercio Lucía Castro, presentou unha iniciativa dirixida a fomentar o emprendemento e dinamizar o sector comercial da arteria comercial configurada polo barrio de San Pedro, que se desenvolverá dentro do programa Urbana Santiago Norte e está financiado polos fondos FEDER.

A iniciativa denomínase: "Oportunidades e boas prácticas comerciais no eixo comercial San Pedro – Concheiros", e ten coma obxectivos principais dotar de instrumentos aos emprendedores locais sobre as oportunidades que ofrece o barrio como un entorno no que desenvolver unha actividade comercial, xerar unha oferta complementaria capaz de contribuír á fidelización de clientes e axudar a potenciar a competitividade dos establecementos comerciais.

As dúas ferramentas principais que se porán a disposición das persoas emprendedoras para a posta en marcha do seu negocio serán, por unha banda, a creación de dez fichas de oportunidades de negocio ou nichos de emprego existentes no propio barrio dende a perspectiva do produto e a clientela e, por outra banda, a elaboración dun catálogo de boas prácticas co que se pretende dotar aos establecementos comerciais do barrio dos parámetros necesarios para a prestación dun servizo de calidade.

Máis información sobre o Santiago Urbana Norte en www.urbanasantiagonorte.org.

Pista de xeo
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para dar os datos da pasada fin de semana da pista de xeo da Alameda, pola que pasaron 820 patinadores e 2.050 visitantes.

A pista de xeo estará aberta ata o 3 de febreiro, cos seguintes horarios:

- Período lectivo: luns a xoves, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 17:00 a 21:00 horas; venres, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 horas; sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

- Período de vacacións de Nadal: luns a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

A entrada xeral por 57 minutos, con patíns incluídos, custa 7,5 euros e, sen patíns, 4,5 euros. A entrada xeral sen limitación de tempo custa 10 euros con patíns e 5,5 euros sen eles. Hai un prezo especial para as entradas dos escolares, a 4 euros cos patíns. Ademais, existe a posibilidade de adquirir unha cartilla de 10 euros que facilita descontos en función do número de veces que se pase pola pista.

Compartir: