CENTROS SOCIOCULTURAIS

Unha escolma de 50 figuriñas do Belén colectivo dos centros socioculturais xa adorna a entrada do Pazo de Raxoi

15/12/2012 Este Nadal 2012, un dos puntos fortes da programación da Concellería de Centros Socioculturais foi a construción do Belén colectivo, feito polos nenos e nenas dos centros socioculturais. O resultado pode xa contemplarse na entrada do Pazo de Raxoi, onde o Nacemento exhibe unha escolma dunhas 50 pezas das máis de 200 realizadas.

Dende o mes de novembro, mais de 130 nenos de 12 centros socioculturais dos barrios e parroquias de Santiago, estiveron participando en obradoiros de modelado de barro e pintura, para facer as figuriñas dun Belén orixinal e compartido, que é moito máis do que parece, precisamente pola implicación e o traballo que todos estes pequenos composteláns, de entre 6 e 12 anos, teñen posto neste pioneiro proxecto.

Os centros socioculturais das parroquias de Villestro, A Peregrina, Figueiras, Marrozos, Bornais e dos barrios de Vite, Conxo, Fontiñas, Amio, Casa Agraria, San Lourenzo e Pontepedriña quedaron moi ben representados no Belén creativo conducido, na parte do modelado do barro e da cocción das figuras e elementos, polo recoñecido artesán Manuel Barreiro, que dedicou mais de 72 horas en sucesivas visitas aos centros participantes para desenvolver os 24 obradoiros de modelado e para a cocción das máis de 200 figuriñas que se fixeron para este Belén.

Para a o desenvolvemento dos máis de 20 obradoiros de pintura das figuriñas contouse coa implicación e a condución dos distintos equipos do persoal de animación dos centros socioculturais participantes. Da coordinación deste Belén, asi como da súa montaxe no Pazo de Raxoi, encargouse a animadora sociocultural especialista en plástica Amara Lema.

O Belén colectivo dos centros socioculturais poderá visitarse a partir do día 17 de decembro no Pazo de Raxoi. As pezas que, dada a dimensión do traballo, non se expoñen neste Belén colectivo, leváronas os nenos para ambientar os beléns nas súas casas.

As tradicionais figuras e os elementos de decoración deste Belén tentan reproducir tamén a imaxe de elementos significativos da nosa cidade, como a cerca, os arcos ou os obradoiros. Amosa unha imaxe particular, coa mirada e a creatividade sempre fresca da infancia.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya informou que haberá un reparto de entradas para a pista de xeo da Alameda e de invitacións ao espectáculo dos Brincabolechas do día 28 de decembro entre os nenos que teñen participado neste proxecto.

Compartir: