NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A autoescola Mata, a empresa de lingua de signos Galensigna e a asociación Hostalería Compostela, reciben o Premio Manuel Beiras

14/12/2012 O Concello e a Cámara de Comercio entregaron os galardóns da décimo terceira edición do Premio Manuel Beiras. O acto, celebrado no edificio CERSIA, estivo presidido polo alcalde compostelán, Ángel Currás; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; a concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez; e o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; e contou coa asistencia de personalidades do mundo político, empresarial e cultural de Compostela.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, felicitou os premiados, "a aqueles que se conducen en galego, a aqueles que queren que -a través da linguaxe de signos- as voces se acaben vendo en galego, e a aqueles que queren ser hospitalarios en galego. Parabéns a aqueles que fan posible que Santiago sexa a cidade galega onde máis se emprega o galego".

Jesús Asorey destacou o valor do premio, tras trece anos de vida, por loitar pola plena normalidade do uso do galego, cunha maior utilización da lingua como ferramenta que fai singulares a comercios e empresas. "As actividades repetidas corren o risco de devaluarse, perigo que combatemos cada ano recibindo con ilusión as novas propostas e candidaturas, valorando todas con agarimo e seleccionando os tres premios que obedecen a distintos usos do galego", explicou.

O xurado, presidido pola concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, decidiu outorgar o Premio Manuel Beiras, nas categorías previstas nas bases da convocatoria, ás tres empresas que mellor reflicten a esencia desta distinción:

1.- A empresa Galensigna (www.galensigna.com) recibiu a distinción dentro da categoría de Incorporación ao uso do galego. Esta empresa forma parte do viveiro virtual da Cámara de Comercio de Santiago. É unha iniciativa empresarial que xorde da necesidade de favorecer unha integración real das persoas xordas no seu entorno social e laboral, eliminando as barreiras de comunicación que limitan o acceso á información e promovendo unha sociedade máis accesible e igualitaria. Con este obxectivo, os seus responsables constrúen un proxecto integral que ofrece servizos especializados en lingua de signos a entidades públicas, privadas, empresas e particulares que, en calquera momento, precisen unha solución en lingua de signos para cuestións de carácter formativo, laboral ou persoal.

Este proxecto foi posto en marcha por un grupo de educadores e intérpretes de lingua de signos profesionais que contan cunha ampla experiencia dentro da comunidade xorda en Galicia. O xurado sinalou a "clara aposta" desta empresa por empregar o galego en toda a súa documentación e comunicación: "Os seus promotores amosan unha vontade firme por ampliar o uso do galego nun ámbito ás veces oculto ou esquecido e apuntar novas metas para normalizar a comunicación coas persoas xordas a través dunha lingua de signos propia".

2.- Na categoría de Uso continuado da lingua galega, alzouse co galardón a Autoescola Mata (en Santiago, Santa Comba e Tordoia) – www.aemata.com –. Baixo o lema "Autoescola Mata… a máis barata!", ofrece aos seus alumnos e alumnas da comarca de Compostela, dende a metade dos anos 80, un servizo profesional, personalizado e integral en todos os seus cursos. Destaca polos prezos competitivos e pola continua innovación e renovación dos métodos docentes, con tests online para facer dende a casa, e unha gran sensibilidade en canto á educación viaria e seguridade.

O xurado valorou a longa traxectoria como empresa referente no emprego do galego para a formación de novos condutores, malia a dificultade que supón a exclusión desta lingua nos exames oficiais. Así mesmo, o xurado tivo en conta a súa perseveranza lingüística fronte ao segmento de público ao que principalmente se dirixe, a mocidade, no cal o uso do galego precisa de importantes reforzos.

3.- Finalmente, a distinción especial recaeu na Asociación Hostalería Compostela (www.santiagohosteleria.net). Con este galardón, o xurado do Premio Beiras quere recoñecer os importantes avances que nos últimos anos se produciron na comunicación social desta entidade, e á vez impulsar novos obxectivos para a normalización das prácticas lingüísticas no sector hostaleiro. As campañas de Hostalería Compostela son mensaxes que difunden e apoian o emprego do galego nos establecementos composteláns, parte substancial da vida económica e social da cidade e, polo tanto, piares sen os que a normalización do galego no sería posible. Os membros do xurado animan a Hostalería Compostela a continuar estendendo o galego na comunicación asociativa e tamén a converterse nun axente decisivo para lograr unha presenza social plena do galego no sector.

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica. O motivo de premiar ás empresas radica en que son un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. De maneira simbólica, os premiados recibiron unha escultura de Acisclo Manzano deseñada, en exclusiva, para estes premios.

Compartir: