EDUCACIÓN

Un grupo de alumnos de Ibiza visita Santiago dentro do programa "Coñecer as cidades patrimonio"

18/05/2006 Unha delegación de 18 alumnos de secundaria de Ibiza, visitará Santiago entre os días 18 e 20 de maio. Trátase dunha das actividades incluídas no programa "Coñecer as cidades patrimonio".

Dende o ano 2001, o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España vén organizando o programa didáctico "Coñecer as Cidades Patrimonio". En cada edición unha desas cidades actúa de coordinadora do programa. No curso pasado foi a cidade de Santiago, a través do Departamento de Educación e Mocidade, a anfitriona do mesmo. Na actual edición San Cristóbal de La Laguna é a encargada da organización dos pormenores do programa.

A dinámica do programa establece que cada cidade manteña un intercambio con outra, de maneira que os grupos de escolares participantes realizan un traballo de investigación sobre esa cidade. No caso de Santiago, os alumnos tiveron que traballar sobre o tema do turismo de Ibiza nas súas múltiples variables.

O centro gañador de Santiago foi o IES Rosalía de Castro, co título "Eivissa: O turismo desde unha perspectiva de sostenibilidade. Proposta de achegas e actuacións". Este traballo foi dirixido por Rosa Quinitas Losada e María Potel Torres e realizado por alumnos/as de 2º de ESO. O xurado valorou o esforzo metodolóxico deste traballo, que aborda a realidade da illa na súa totalidade, mesmo buscando os contrastes entre o patrimonio natural e o construído polo home, e a posibilidade de harmonizar os dous. Ademais, estimouse moi especialmente a súa utilidade didáctica como guía de traballo na aula e para achegarse á realidade ibicenca actual.

O premio consiste en viaxar a Ibiza e despois a La Laguna para participar no Encontro final de todos os grupos gañadores. A viaxe a Ibiza realizouse os pasados días 11, 12 e 13 de maio. O grupo de Ibiza devolve a visita os días 18, 19 e 20 de maio. O mesmo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, recibiraos o venres 19 ás 13:00 horas. Tamén se lle entregará os diplomas a todos os alumnos/as de Santiago participantes nesta edición: o IES Rosalía de Castro, o C. Seminario Menor da Asunción e o IES Eduardo Pondal.

Durante a estancia do grupo de Ibiza en Santiago gozarán dun programa educativo e cultural programado especialmente para a ocasión.

Compartir: