DEPORTES

Fútbol, lecer e valores únense na segunda edición do Campus Vero Boquete

14/12/2012 O Campus de Fútbol Vero Boquete chega á súa segunda edición tras o éxito da primeira edición de 2011, na que participaran 156 nenos e nenas. O Campus celebrarase os días 26, 27 e 28 de decembro en varias instalacións municipais. O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de decembro.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este Campus e enmarcouno no esforzo do seu Departamento para potenciar o deporte feminino. A este cometido e á igualdade de oportunidades tamén se referiu a concelleira de Benestar Social e Muller, Paula Prado, quen destacou a importancia de desbotar estereotipos en canto á práctica do deporte polas mulleres.

A directora do Campus, Uxía Parcero, explicou o desenvolvemento do mesmo, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Durante os tres días, haberá dous adestramentos de hora e media cada un en xornada de mañá. Na última xornada haberá unha comida de convivencia e unha xornada de tempo libre, cunha sesión de break dance incluída.

Tamén participou na rolda de prensa a protagonista do Campus, Verónica Boquete, quen se declarou "orgullosa" de que a actividade se teña consolidado xa cunha segunda edición, co desexo de que se converta "nunha cita habitual do Nadal compostelán".

O prezo de inscrición no Campus Vero Boquete é de 65 euros, nos que se inclúen, ademais dos adestramentos, cinco prendas deportivas, unha merenda diaria, e a comida e xornada de tempo libre final.

Nesta edición, para atender ata un máximo de 200 inscritos, ampliáronse as instalacións municipais que acollerán o Campus. Así, aos campos e pavillón de Santa Isabel e ao campo das Cancelas, súmase o campo de San Lázaro (a carón do Sergas).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: