EMPREGO

A Axencia Local de Colocación programa novas accións formativas para orientar a desempregados na busca de traballo

14/12/2012 A concelleira de Benestar Social e Traballo, Paula Prado, presentou unha serie de accións formativas do programa Condúce-T ao emprego, que se desenvolverán ao longo da vindeira semana no edificio CERSIA. As sesións de orientación laboral están dirixidas a desempregados e incluirán tanto sesións teóricas como visitas a empresas de diversos sectores da área de Santiago.

Segundo explicou o profesor da Universidade de Vigo, director de Libredón (Psicología & Coaching) en Santiago e experto en alto rendemento de persoas, Joaquín Dosil, a acción consta dunha primeira parte teórica, de 30 horas de duración, dividida en 10 módulos, de tres horas cada un. Esta formación impartirase en xornadas de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Estas "píldoras de coñecemento", como as definiu, ocuparanse primeiro de definir o momento actual. Na parte de competencias e habilidades, os asistentes poderán coñecer que piden os entrevistadores e consultorías das empresas e aprenderán a trazar estratexias ante isto. As ferramentas de Internet terán unha importante presenza nesta formación.

Os últimos módulos centraranse na busca de emprego. Os participantes recibirán indicacións sobre como mellorar o seu currículo ou potenciar o optimismo como valor engadido. Neste sentido, Dosil apuntou que "hoxe en día, as empresas dan tanto valor ás competencias profesionais como ás persoais".

Esta parte teórica completarase cunha serie de visitas a diferentes empresas de Santiago e o seu entorno. Responsables de recursos humanos de firmas de varios sectores amosarán de primeira man aos participantes cales son as súas demandas reais.

A inscrición, aberta e de balde, pode realizarse a través da Axencia Local de Colocación. En función da marcha das inscricións, determinarase o día de comezo das sesións.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: