PROTECCIÓN CIVIL

O Concello de Santiago recomenda precaución aos cidadáns por mor do temporal de vento e choiva

13/12/2012 Dende Protección Civil recoméndase precaución e ofrécense algúns consellos de utilidade, tales como camiñar preto das fachadas dos edificios e evitar pasar á beira de inmobles en ruínas ou en obras.

Dende Protección Civil recoméndase precaución e ofrécense algúns consellos de utilidade, tales como camiñar preto das fachadas dos edificios e evitar pasar á beira de inmobles en ruínas ou en obras.

Ante o fenómeno meteorolóxico adverso que xa se está a notar en Compostela, Protección Civil aconsella á poboación tomar certas medidas de precaución para evitar accidentes. Se nos atopamos na casa, cómpre retirar tódolos obxectos que poidan caer á rúa dos tellados, balcóns ou fiestras. Recoméndase pechar ben portas, ventás e persianas e manterse ao tanto dos partes meteorolóxicos.

No caso de que sexa necesario saír á rúa, é aconsellable camiñar preto das fachadas dos edificios vixiando a posible caída de obxectos. Así mesmo, Protección Civil recomenda evitar pasar cerca de inmobles ruinosos, andamios, tendidos eléctricos e demais obxectos que poidan ser derrubados polo vento. Tamén se debe evitar achegarse a xardíns ou parques ante o perigo de caída de pólas e outros elementos.

A precaución debe extremarse na condución. Protección civil advirte da necesidade de circular coas luces acesas, prestar especial atención nos adiantamentos, aparcar o vehículo nun lugar protexido do vento e ben inmobilizado e evitar as zonas arboradas e con tendidos nas proximidades.

O Concello recorda aos cidadáns os teléfonos aos que se debe chamar no caso de emerxencia: 080 (Bombeiros), 092 (Policía Local) e 112.

Compartir: