CULTURA

Berto Romero ofrece a última función de "La apoteosis necia" dentro do ciclo Falabaratos

13/12/2012 Berto Romero ofrece en Falabaratos a última función do seu espectáculo La apoteosis necia. Será o venres 14 no Auditorio de Galicia a partir das 21:00 horas. Con Romero péchase a programación de Falabaratos deste 2012, no que estiveron David Amor, Quico Cadaval, Sergio Pazos, Luis Piedrahita, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Godoy, Goyo Jiménez, Ángel Martín, Ricardo Castella, Leo Harlem&amigos e David Guapo. No 2013 haberá unha nova edición do ciclo.

La apoteosis necia é o terceiro espectáculo teatral que protagoniza Berto Romero coa súa compañía El Cansancio. Trátase dun show de cómico que desprega o inconfundible e persoal humor de Berto ao longo de 90 minutos de monólogos e cancións. A traxectoria vital do personaxe que representa lévanos a coñecer as súas desgrazas persoais no terreo familiar, amoroso e laboral. Os referentes cotiáns, filtrados pola mirada surrealista e cínica desde a que conta todas as súas experiencias, desembocan nunha explosión de humor con efectos catárticos para o público.

O espectáculo, que dura uns 90 minutos, está dirixido por Miquel Company e nel Berto Romero está acompañado polo guitarrista Iván Rodríguez. O texto e as cancións son de Berto Romero, Marc Martínez e Miquel Company.

Aínda que coñecido polo gran público a partir das súas aparicións televisivas en Buenafuente, Berto (Cardona, 1974) iniciou a súa carreira artística en 1998. Un pequeno show para os amigos desembocou na creación da compañía El Cansancio e no seu primeiro espectáculo teatral. Combinando humor, música e poesía nace Historias del cantautor paródico y su embarrenamiento precoz. Un ano máis tarde, e dentro do festival de Grec de Barcelona, estréase El desafío de los hombres medianos, que rodou por escenarios cataláns durante tres tempadas. O 2 de maio de 2002 estréase na sala Razzmatazz de Barcelona La apoteosis necia, que aposta decididamente polo monólogo de humor e as cancións.

2003 é o ano da inflexión. A repercusión dos espectáculos teatrais abren unha nova porta para a creación: a radio. O seu programa semanal en Cadena Ser-Manresa e o anuncio do Seat makinero foi o primeiro paso. Despois virían tres anos en RNE e mais tarde Cadena Ser, Catalunya Ràdio, RAC1, Rock&Gol e Flaixbac. Ese mesmo ano, Berto gaña o concurso de monólogos de TVE-Catalunya 4 i acció e uns meses máis tarde inicia a súa primeira colaboración televisiva con achegas humorísticas no programa Catalunya Avui. En 2006 a produtora El Terrat propón establecer unha colaboración co El Cansancio que desembocará, un ano máis tarde, na incorporación de Berto no late night Buenafuente.

As entradas, a 16 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) en Novagaliciabanco (na web ou no teléfono) ou na billeteira do Auditorio o propio día do evento dende as 18:00 horas.

Compartir: