XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba obras nas parroquias rurais por máis de 600.000 euros

13/12/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS 2013) da Deputación da Coruña no que atinxe ao Concello de Santiago, que inclúe dez obras de melloras nas pistas e nas redes de abastecemento e saneamento de varias parroquias rurais. Ademais, adxudicouse a redacción do proxecto de mellora da mobilidade e da accesibilidade do barrio de Vista Alegre.

As dez obras aprobadas supoñen un investimento de 587.631 euros, dos que 554.793 son achegados pola Deputación da Coruña e 32.838 polo Concello. A relación de actuacións é a seguinte:

- Mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Sabugueira, 104.154 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiro no Castro de Bando, 40.738 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiros nas parroquias de Cesar, Berdía, A Barciela e San Caetano, 50.019 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiro no Eixo, 35.471 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Bando, 43.831 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiros na parroquia de Marantes, 58.531 euros.
- Mellora e acondicionamento de vieiro en Frades (A Barciela), 48.079 euros.
- Ampliación da rede de abastecemento e saneamento no lugar de Lavacolla (Sabugueira), 66.902 euros.
- Ampliación da rede de saneamento no lugar da Silvouta, 33.353 euros.
- Ampliación da rede de saneamento no lugar de Sarela de Arriba (A Peregrina), 106.554 euros.

Ademais, aprobouse o Plan Complementario 2013, no que se inclúe a obra da pista de Son de Abaixo (A Gracia) a Bargo (A Peregrina), que terá un orzamento de 40.964 euros.

Seguindo con Medio Rural, aprobouse a solicitude ao Arcebispado de Santiago da cesión de uso dunha parcela en Grixoa, a carón da igrexa e do centro sociocultural da parroquia, para destinala a estacionamento.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, adxudicouse a redacción do proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), por importe de 84.924 euros. Cómpre lembrar que esta actuación permitirá demoler a totalidade das terrazas dos 33 bloques de vivendas cos que conta este polígono.

As intervencións a realizar inclúe a supresión de barreiras arquitectónicas, reordenación do tráfico, apertura de rúas peonís, canalización de novos servizos, reordenación de zonas de estacionamento e soterramento de colectores. Outro aspecto novidoso serán as luminarias suspendidas por cables de aceiro.

Esta intervención sumarase así á que se está realizando no marco da Área de Rehabilitación Integral (ARI), que a finais de 2013 permitirá ter xa instalados 11 ascensores. Precisamente, nesta mesma Xunta de Goberno concedeuse a licenza para a adecuación funcional do edificio número 6 da rúa de Santa Uxía de Ribeira, o que permitirá a instalación de ascensor neste bloque.

No ámbito desta mesma Concellería, aprobáronse as seguintes denominacións de rúas do polígono da Sionlla:
- Rúa A: Rúa de Castela e León.
- Rúa B: Rúa de Cantabria.
- Rúa C: Rúa de Castela A Mancha.
- Rúa D: Rúa de Andalucía.
- Rúa E: Rúa de Aragón.
- Rúa F: Rúa da Comunidade Valenciana.
- Rúa G: Rúa de Estremadura.
- Rúa H: Rúa de Navarra.
- Rúa I: Rúa de Cataluña.

Benestar Social
A Xunta de Goberno tamén deu conta da resolución da Secretaría Xeral de Política Social relativa á asignación de transferencias finalistas ao Concello, por importe de 293.850 euros. Ademais, deuse conta dunha subvención de 44.550 euros pola Deputación da Coruña para accións socioeducativas na rúa.

Seguindo con esta Concellería, pero na área de Emprego, aprobáronse as bases para a selección de alumnado para o proxecto Persoa. Trátase de cinco accións formativas, destinadas a 75 alumnos, centradas fundamentalmente na atención a persoas maiores e dependentes.

Barrios
O Goberno local tamén adxudicou unha nova obra nos barrios, neste caso no de Vidán, por importe de 67.686 euros.

Mobilidade
A proposta do concelleiro de Mobilidade, acordouse a prórroga a TUSSA da ocupación temporal e explotación do aparcadoiro de borde de Salgueiriños ata o 31 de decembro de 2013. A Xunta de Galicia deberá aprobar esta prórroga.

Cultura
Finalmente, aprobáronse os convenios coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, por importe de 24.000 euros, e coa Sala Capitol, por importe de 11.000 euros.

Compartir: