TURISMO

Turismo de Santiago promociona a cidade en Shanghai, Cantón e Pekín

16/05/2006 Ata o 20 de xuño a empresa municipal de Turismo participa nas xornadas de comercialización organizadas por Turespaña nas tres principais urbes chinesas, nas que contactará con axentes de viaxe e xornalistas.

Turismo de Santiago participou o luns 15 de maio na primeira cita das xornadas de presentación de Turespaña ante o mercado emisor chinés, que tivo lugar no Howard Johnson Plaza Hotel de Shanghai.

Durante ese primeiro evento, presentado polo encargado de Turismo da Embaixada de España, Turismo de Santiago contactou cuns 80 axentes de viaxes e xornalistas interesados en coñecer mellor os destinos culturais e patrimoniais españois.

As sesións de traballo continúan o mércores 17 no Dong Fang Hotel de Cantón, cun workshop-almorzo ao que asistirán uns 55 axentes; e concluirán o xoves 18 no New Otani Hotel de Beijing, ante máis de 80 profesionais invitados.

De acordo co xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, o obxectivo das xornadas de Turespaña é comezar a construír unha imaxe do destino turístico nun mercado tan novo como o chinés.

"A intención é difundir, por medio de xornalistas e turoperadores, a idea dunha España rica en patrimonio, con múltiples destinos urbanos e culturais, diferenciada dos seus países veciños e doutros destinos competidores", sinalou Gaztelumendi.

En total, preto de 200 turoperadores e comunicadores asistirán ás tres presentacións en China, as segundas nas que participa Santiago de Compostela tralas accións comerciais de setembro de 2005 nesas mesmas cidades.

Compostela, destino altamente recomendado
As presentacións en China cobran especial relevancia se se teñen en conta as previsións da Organización Mundial do Turismo, segundo as cales ese país se converterá en a penas cinco anos no terceiro emisor mundial, con preto de 135 millóns anuais de viaxeiros.
Ademais, a finais de 2005 Turismo de Santiago asinou un convenio coa organización China Business Network, dependente do Ministerio de Turismo chinés, que permitiu á Cidade do Apóstolo ser incluída na lista de "destinos autorizados" e altamente recomendados a institucións, empresas de viaxes de negocios e turoperadores nese país.

Compartir: