COMERCIO

Nace en Compostela o Mercado da Estrela

12/12/2012 A primeira edición do Mercado da estrela celebrarase no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o sábado 15 e domingo 16 de decembro, en horario de 11:00 a 20:00 horas, aglutinando ocio, compras, cultura, solidariedade e novas tendencias. A feira navideña reunirá a artistas, emprendedores e artesáns novos e
consolidados para dar a coñecer as súas coleccións e que o seu talento se converta en agasallo de Nadal. Ilustración, moda, complementos, decoración, fotografía ou cosméticos, exhibiranse en stands de ecodeseño elaborados de xeito exclusivo para o evento imitando a aparencia dos carballos galegos na estación invernal.

A Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados apoia a iniciativa. A súa titular, Reyes Leis, participou na presentación deste Mercado da Estrela, que contará cunha animada carpa de restauración e música na zona exterior do Museo ata entrada a noite (sábado 15 ata as 23:00 h e domingo 16 ata as 22:00 h). Neste espazo, os visitantes poderán gozar das actuacións musicais de bandas emerxentes galegas, así como dos produtos que se ofertarán nas casetas habilitadas para o efecto, onde atoparán repostería galega e americana, pan ecolóxico, sandwiches, pizzas e a nova cervexa de Estrella Galicia: Red Vintage, entre outros produtos que completarán a oferta gastronómica.

O Mercado da Estrela contará cun servizo de gardería-ludoteca infantil para os máis cativos, obradoiros creativos de estampación cerámica, elaboración de adornos de Nadal e achegamento á apreciación da música clásica, entre outras actividades.

Habilitarase así mesmo un espazo para a solidariedade, no que agrupacións de axuda aos máis desfavorecidos darán a coñecer as súas actividades e tratarán de captar voluntarios e obter doazóns económicas.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile en colaboración co CGAC e Ardora Comunicación SL, e conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela; a Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coa presenza de cinco dos seus artesáns; e Estrella Galicia. Colaboran tamén Acanto Decoración, En Panties Produccións, Kuinart, Sati Tejidos e Xosé Ramiro Sánchez Carro.

Direccións relacionadas



Compartir: