DEPORTES

O Concello quere recuperar o Estadio de San Lázaro para o atletismo e outros deportes

12/12/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, acompañado polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e polo delegado en Santiago da mesma, Iván Sanmartín, deu conta do proxecto de remodelación do Estadio de San Lázaro presentado ao Consello Superior de Deportes o pasado 27 de novembro. O Concello quere recuperar este recinto deportivo para a práctica do atletismo e habilitar novos espazos para deportes considerados minoritarios.

Adrián Varela lembrou que o Estadio de San Lázaro é unha instalación que só ten 19 anos, pero que nunca chegou a ser homologada para o atletismo a nivel competitivo. Indicou que, no momento da súa posta en marcha, esta falta de homologación obrigou a renunciar a un Campionato de Europa, cando a mesma se podería ter logrado nese ano 1993 cunhas obras dun custo mínimo en relación ao investimento total na instalación.

Agora, o Concello quere recuperar esta instalación, comezando pola deteriorada pista de atletismo. Existen dous posibles proxectos para esta intervención, de 200.000 ou de 600.000 euros, dependendo de como se atope o firme no que se sustenta a capa sintética da pista. De estar este en boas condicións, trataríase basicamente de colocar unha nova capa e de homologala.

A propósito desta obra, Isidoro Hornillos apuntou que "con moi pouca inversión económica, xeraríase unha gran rendibilidade deportiva". Neste sentido, lembrou que é o único estadio de atletismo de Galicia e que, polas súas condicións, se podería converter "nun dos grandes estadios de atletismo de España". A propósito das posibilidades das instalacións de atletismo, o concelleiro recordou que malia o seu "abandono", teñen "moita vida". Alí adéstranse os preto de 50 nenos e nenas da Escola de Atletismo Fontes de Sar, pero tamén outros moitos usuarios que seguen acudindo cada día a San Lázaro.

Salas multiusos
A outra parte do proxecto, valorada nuns 400.000 euros, consistiría en habilitar os vestiarios en desuso situados na parte de preferencia, para crear diversas salas multiusos. Adrián Varela indicou que estas salas se destinarían fundamentalmente a deportes de loita e artísticos, e a outros como o tiro con arco. Estimou que estas instalacións poderían dar servizo a uns 1.200 usuarios semanais.

Aínda recoñecendo as dificultades da actual conxuntura económica, o concelleiro confía en que estas obras se poidan acometer antes de que remate a actual lexislatura. Para iso, ademais de co Consello Superior de Deportes, estase a falar con outras administracións. O proxecto, segundo dixo, podería executarse en varias fases.

Tamén en relación ao Estadio de San Lázaro, a Xunta de Goberno vai aprobar en breve a reforma do antigo ximnasio, cun investimento de 60.000 euros. Finalmente e aproveitando a presenza na rolda de prensa do delegado en Santiago da FGA, Iván Sanmartín, anunciou que en 2013 se volverán a celebrar o circuíto de carreiras saudables CorreSan, incorporando máis probas.

Compartir: