MEDIO AMBIENTE

Case lista a árbore de Nadal do Obradoiro

12/12/2012 A tradicional árbore de Nadal da praza do Obradoiro estará lista o vindeiro xoves, 13 de decembro. Un ano máis, o Concello utiliza unha árbore natural, que logo regresará ao seu lugar orixinal. Do mesmo xeito, o Departamento de Parques e Xardíns recollerá os árbores de Nadal para recuperalas no Viveiro municipal e logo replantalas.

Operarios municipais están a colocar a árbore de Nadal a carón do Pazo de Raxoi. Emprégase unha árbore de 14 metros situada durante o resto do ano en Salgueiriños, a onde volverá despois destas datas. Para a decoración utilizáronse os mesmos adornos que en 2011. A árbore adornará a praza de Raxoi ata que se apague o alumeado de Nadal en toda a cidade.

Recollida de árbores
Por outra parte, unha vez pase o Nadal, o Departamento de Parques e Xardíns recollerá as árbores dos cidadáns, co obxecto de levalas ao Viveiro municipal para logo ser replantadas.

Calquera veciño pode levar a súa árbore ao Viveiro, que está aberto dende as 7:00 ás 14:00 horas. Tamén pode chamar, para que lle recollan a súa árbore, aos seguintes teléfonos:

Departamento de Parques e Xardíns: 981 542 451

Protección Civil: 619 76 94 95

Nun primeiro momento, as árbores serán trasladadas ao Viveiro para a súa aclimatación, xa que proceden dun ambiente moi agresivo para elas como son as vivendas con calefacción. Unha vez recuperadas serán replantadas en espazos públicos ou ben conservadas no propio viveiro para poder ser usadas novamente no próximo Nadal.

Compartir: