CULTURA

Máis de 30 propostas na programación cultural do Concello para este Nadal

11/12/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do Departamento de Cultura para este Nadal. Música clásica no Auditorio e unha nova edición do Todo Lírica; concertos de Compostela Rock, Íntimo&Acústico e Sons; dous espectáculos de Falabaratos; dous de Teatro&Danza e un apartado especial Infantil&Familiar, conforman esta programación pensada para satisfacer ao público de todas as idades e de todos os gustos neste Nadal en Compostela.

Haberá unha programación especial de Infantil e Familiar dentro da cal poderemos asistir a tres obras de teatro infantil, dúas de maxia, un musical e tres obras de teatro específicas para bebés. En teatro infantil poderemos ver Nuncabunga, do Elefante Elegante; Ringo Rango, de Pistacatro: e A folla máis alta, con Berrobambán; todas no Teatro Principal.

Ademais, poderemos gozar da maxia, tamén no Principal, con dous espectáculos para toda a familia: 15 ilusións para unha noite e Corcheas, semifusas e ilusións. No Auditorio de Galicia teremos o musical karaoke Navidad mágica en concierto, no que os máis pequenos da casa poderán pasar unha tarde divertida con Papa Noel, Pocoyo, Caillout e Winx Club. E na Zona C presentamos unha programación especial de teatro para bebés da man da compañía Caramuxo na semana de Reis: Glub Glub, Zapatos e Ñam. Para que as familias poidan asistir aos espectáculos existe un abono familiar mediante o cal nas obras de teatro infantil, para bebés e na maxia, de mercar catro entradas, sairán ao prezo de tres.

Pero tamén hai programación para todos os públicos. Así, no programa de Teatro&Danza poderemos ver as dúas últimas obras do ciclo para este ano 2012: Gharbo!, unha coprodución da compañía Contra2 e o Centro Coreográfico Galego, e El Montaplatos, de Harold Pinter, que trae ao Principal a compañía Animalario.

No programa musical, en canto á clásica, temos tres concertos da Real Filharmonía de Galicia. No primeiro estarán acompañados da pianista María João Pires; e no Concerto de Reis, a orquestra estará dirixida por Manuel Hernández Silva e contará coa actuación da soprano Beatriz Díaz. Ademais, tamén teremos un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia; o primeiro concerto do ciclo Novas Orquestras no 2013 coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia; e outro do pianista Sebastian Knauer, dentro do Ciclo de Piano Ángel Brage. Ademais, teremos unha nova edición, a XII xa, do ciclo especial de Nadal Todo Lírica con catro concertos no Teatro Principal nos que contaremos cos pianistas Rubén Fernández Aguirre, Manel Camp, Borja Mariño e Carmen Fernández Cabrera; acompañados das voces de David Menéndez, Mireia Pintó, María Rey-Joly e os alumnos da Escola Superior de Canto de Madrid.

En canto a outro tipo de música poderemos escoitar a Sergio Tannus presentando o seu novo disco Son Brasilego no Principal dentro do ciclo Sons 2012 e a Xoan Curiel e Berrogüetto na Zona "C" e Principal, respectivamente, dentro de Íntimo&Acústico. No Compostela Rock teremos concertos de Los Enemigos (dobre sesión os días 13 e 14 xa que se esgotaron as entradas para o día 13 e aumentamos un día máis); Los Deltonos e o Concerto da Fin do Mundo con Mujeres e Wild Balbina.

A comicidade estará presente no ciclo Falabaratos con dous espectáculos de dúas figuras moi televisivas: Berto Romero, que fará en Compostela a última función do seu La apoteosis necia e Dani Mateo, que presenta PK2.0 o que Dios nos pille confesados.

Ademais, durante todo o Nadal permanecerán abertas as dúas exposicións que temos neste momento no Departamento de Cultura. No Auditorio de Galicia, poderemos ver Unidos pola arte. Colección de pintura do Consorcio e do Concello de Santiago, aberta todos os días; e na Zona "C" temos a intervención de Jesús de la Iglesia Cento oitenta segundos, aberta todos os días agás os luns. As dúas salas permanecerán pechadas os días 24, 25 e 31 de decembro, así coma o 1 de xaneiro.

Compartir: