MEDIO AMBIENTE

Santiago disporá dun Plan de Acción Local dos Parques e Zonas Verdes de Compostela no primeiro trimestre de 2013

11/12/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, inauguraron a conferencia final do proxecto ParkAtlantic no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Santiago de Compostela é xefe de fila deste proxecto, no que tamén participan as cidades francesas de Angers e Pau (esta por medio da Communauté d'agglomération Pau-Pyrénées, a irlandesa Limerick (a través do Mid-West Regional Authority), e portuguesa Vila Nova de Famalicão (coa que colabora a Axencia de Desenvolvemento Rexional do Val do Ave-ADRAVE). Os socios do proxecto foron logo recibidos en Raxoi.

Ao longo da xornada, diversos representantes das entidades socias de ParkAtlantic ofreceron diversas conferencias relativas á repercusión que o proxecto tivo nas súas cidades e rexións. Así, a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, participou co relatorio "O impacto do proxecto ParkAtlantic en Santiago e accións de capitalización: o Plan de Acción Local dos parques de Compostela". As intervencións dos socios complementáronse con outras de representantes do Ministerio de Medio Ambiente e do Comité das Rexións.

María Castelao salientou que o proxecto permitiu "coñecer outras políticas de zonas verdes urbanas", algunhas das cales "serán integradas nas accións políticas do Concello en materia de medio ambiente e tamén na xestión dos técnicos". Entre estes aspectos a ter en conta apuntou fórmulas para o tratamento de plantas e especies arbóreas, medidas de eficiencia enerxética e de xestión da auga, fórmulas para animación para o uso dos parques polos cidadáns, sistemas de xestión para o mantemento das zonas verdes, estratexias de formación permanente para o persoal que atende os parques ou a concienciación sobre o valor dos parques como motores da calidade de vida dunha cidade.

A concelleira indicou que "por primeira vez, dispoñemos dun instrumento de planificación e un plan estratéxico a nivel atlántico para orientar as nosas políticas urbanas en materia de parques e zonas verdes", así como dun "Plan de Acción Xenérico en materia de política e de xestión de zonas urbanas". De aí nace o Plan Local dos Parques e Zonas Verdes de Santiago de Compostela, que se está a elaborar nestes intres con vistas a telo listo no primeiro trimestre de 2013.

Este Plan pretende "garantir o aproveitamento óptimo do volume de información xerado polo proxecto ParkAtlantic e a aplicación das boas prácticas e recomendacións identificadas", apuntou a edil. Así, o seu obxectivo é "establecer e acordar unha estratexia a varios anos vista, non menos de 15; permitirá establecer un sistemas continuo de decisións, identificar cursos de acción específica, formular indicadores de seguimento de resultados e involucrar a axentes do sector ao longo de todo o proceso".

María Castelao foi tamén a encargada de pechar a conferencia xunto co director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Manuel Borobio.

Compartir: