VÍAS E OBRAS

Case 350.000 euros para obras no Ensanche e unha nova beirarrúa na rúa das Mulas

10/12/2012 O concelleiro de Vías e Obras, Juan de la Fuente, presentou o proxecto de mellora de beirarrúas no Ensanche, no que se investirán 228.838 euros. Ademais, deu conta dunha subvención da Consellería de Economía e Industria que permitirá completar a obra dunha nova beirarrúa na rúa das Mulas (Meixonfrío) e outras actuación no Polígono do Tambre.

A maior parte do investimento destinarase a actuacións integrais nas beirarrúas de Frei Rosendo Salvado, Rapa da Folla, Rosa, San Pedro de Mezonzo e Alfredo Brañas. Da partida total, uns 65.000 euros destinaranse a actuacións de menor dimensión noutras rúas do Ensanche.

O concelleiro denunciou o feito de que moitas destas beirarrúas, reparadas no marco do Plan E, "non teñen nin dous anos, pero as garantías fóronlle devoltas no seu día ás empresas". Ademais, confirmou que as obras nestas rúas non comezarán ata despois do Nadal, para non interferir na campaña comercial destas datas.

Meixonfrío
Por outra parte, Juan de la Fuente deu conta da concesión dunha subvención de 62.010,94 euros pola Consellería de Economía e Industria, que se suman a unha achega de 55.847,52 do propio Concello para completar a obra de creación dunha beirarrúa na rúa das Mulas dende Meixonfrío ao Tanatorio. Esta intervención debe estar rematada antes de que remate o ano.

A actuación na rúa das Mulas, xa en marcha, complementarase con outras reparacións no Polígono do Tambre. A propósito desta superficie industrial, o edil agradeceu a Gas Galicia na substitución de lousas en diversas rúas. Así, indicou que a empresa, en paralelo á recolocación das lousas pola instalación da rede de gas no Polígono, está a colocar outras demandadas polo Concello, que neste caso só achega os materiais.

Compartir: