URBANISMO

Licitada a concesión de uso para a xestión dun bar-cafetería no quiosco da Alameda

07/12/2012 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 5 de decembro publicou a licitación da concesión de uso privativo do dominio público municipal para a explotación de bar-cafetería no quiosco do paseo alto da Ferradura, na Alameda de Santiago. Os interesados teñen ata o 20 de decembro para presentar as súas propostas.

Cómpre lembrar que se iniciou un novo procedemento para esta contratación, xa que o anterior prego para a explotación dun bar-cafetería no quiosco do paseo alto da Ferradura, na Alameda, o que tiña máis peso era a oferta económica. Agora, atendendo ao informe da Oficina da Cidade Histórica e de Rehabilitación (OCIHR), publicouse outro no que adquire máis peso o proxecto técnico e arquitectónico.

A cafetería poderá ter unha extensión de 120 metros cadrados, terrazas incluídas, e o adxudicatario deberá aboar ao Concello unha taxa de ocupación da vía pública anual de 10.454 euros. Tamén terá que pagar un canon fixo de 2.400 euros, eliminándose no novo prego a variable sobre os ingresos da cafetería. A empresa deberá destinar un mínimo de 183.000 euros á construción do edificio e de 28.979 euros ao mobiliario. A concesión realizarase por un prazo de 20 anos.

Toda a información está dispoñible no Perfil do Contratante desta web municipal.

Compartir: