MEDIO RURAL E URBANISMO

Levántase a suspensión de concesión de licenzas en catro zonas no ámbito do Camiño

07/12/2012 A entrada en vigor o sábado 8 de decembro do decreto autonómico polo que se aproba a delimitación do Camiño Francés no concello de Santiago permitirá levantar a suspensión de concesión de licenzas en catro zonas do municipio situadas no ámbito desta ruta: Lavacolla, San Marcos, Ponte San Lázaro e San Paio. Isto será posible en virtude dunha disposición transitoria incluída na norma a solicitude do Concello de Santiago.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou que esta disposición transitoria permite que, mentres non estea redactado o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés (PE-3), se poidan aplicar as respectivas ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) a estas catro zonas. Isto, na práctica, supón que se poidan conceder xa licenzas nestas áreas, previo informe do órgano autonómico competente en protección do patrimonio cultural.

En palabras do concelleiro de Medio Rural, esta era unha vella reivindicación dos veciños destas zonas, que se enfrontaban a "un baleiro legal que non lles permitía nin construír nin rehabilitar". Así, despois de anos de non poder pedir licenzas por esta falta de delimitación do Camiño Francés, agora poderán volver realizar as súas solicitudes.

A disposición transitoria remite á aplicación da ordenanza 11 nos terreos clasificados como solos urbanos consolidados. Tal sería caso de Lavacolla, San Marcos e Ponte San Lázaro. Neste tipo de solos os requisitos para a construción son: superficie mínima de 300 metros cadrados; edificabilidade máxima de 0,40 m2/m2; ocupación máxima da parcela do 30%; altura máxima de 6,6 metros, equivalente a Baixo e unha planta; fronte mínima da parcela edificable de 8 metros e uso exclusivo como vivenda unifamiliar.

A San Paio seralle aplicable a ordenanza 13 do PXOM, para solos de núcleo rural. Nestes supostos esíxese unha superficie mínima de 300 metros cadrados; edificabilidade máxima de 0,50 m2/m2; ocupación máxima da parcela do 50%; altura máxima de 7 metros, equivalente a baixo e unha planta e uso como vivenda unifamiliar.

En todo caso, non se poderán autorizar modificacións do parcelario (segregación ou agregación de parcelas) nin cambios de aliñacións e rasantes.

Direccións relacionadas



Compartir: