ALCALDÍA

A xornada de portas abertas na pista de xeo prolóngase ata as seis de mañá xoves

05/12/2012 A pista de xeo abriuse ao público cunha xornada de portas abertas, que se prolongará ata mañá xoves ás 18:00 horas. O recinto, que permanecerá instalado no paseo central da Alameda ata o 3 de febreiro, foi inaugurado polo alcalde, Ángel Currás.

Neste Nadal, a pista duplica o seu tamaño respecto á campaña pasada para facer aínda máis cómoda a patinaxe no recinto, que está novamente cuberto por unha carpa transparente. Ten unhas dimensións de 60 x 12,5 metros, proporcionando aos patinadores unha superficie de xeo de 500 metros cadrados.

Non só se duplica o tamaño da pista, senón tamén o número de andadores, para facilitar a patinaxe aos que se inician nesta práctica. Tamén son novidade os patíns, moito máis cómodos e adaptables. Outro servizo engadido é a cafetería instalada este ano a carón da pista, para facer máis cómoda a espera aos pais mentres patinan os máis pequenos.

Tamén se dobrou o número de invitacións de balde que se repartirán entre entidades sociais, colexios ou centros socioculturais, co obxecto de que ninguén quede sen patinar se así o desexa.

Horarios e prezos
A pista de xeo estará aberta ata o 3 de febreiro, cos seguintes horarios:

- Período lectivo: luns a xoves, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 17:00 a 21:00 horas; venres, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 horas; sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

- Período de vacacións de Nadal: luns a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

A entrada xeral por 57 minutos, con patíns incluídos, custa 7,5 euros e, sen patíns, 4,5 euros. A entrada xeral sen limitación de tempo custa 10 euros con patíns e 5,5 euros sen eles. Hai un prezo especial para as entradas dos escolares, a 4 euros cos patíns. Ademais, existe a posibilidade de adquirir unha cartilla de 10 euros que facilita descontos en función do número de veces que se pase pola pista.

Árbore de Nadal en Raxoi
E mentres tanto, o Pazo de Raxoi xa loce de Nadal coa súa árbore. Do seu adorno encargáronse as concelleiras María Pardo e Reyes Leis.

Compartir: