MOCIDADE

Os mozos que practiquen o "condutor alternativo" terán premio

16/05/2006 Durante a noite do xoves 18 de maio, a Fundación Alcohol e Sociedade premiará a aqueles mozos que practiquen o condutor alternativo durante unha acción que se desenvolverá nunha zona de ocio da cidade. Deste xeito, pretende concienciar aos condutores do perigoso que resulta combinar alcohol e condución, ofrecéndolles esta solución práctica.

A acción consiste en informar primeiro aos máis novos sobre a necesidade de elixir cando saian de "marcha" un condutor alternativo, aquel que esa noite non bebe e conduce. Diso encargaranse os monitores da Fundación Alcohol e Sociedade e voluntarios do Concello de Santiago de Compostela. Baixo a premisa de que alcohol e condución son incompatibles, prémiase con diferentes agasallos (camisetas, refrescos e cheques de gasolina) a aqueles mozos que non tiveran consumido alcohol en toda a noite.

Se o clima é favorable, acción desenvolverase primeiro na Alameda, no lugar onde habitualmente os mozos realizan o botellón, de 12:00 a 1:30 horas, para desprazarse logo a varios locais de copas da cidade. Ademais dos controis, estará exposto un coche accidentado, para que os máis novos se conciencien dos efectos de conducir baixo os efectos do alcohol.

Para participar, os mozos teñen que presentar o seu carné de conducir aos monitores da fundación, tralo cal reciben un pasaporte que se lles vai selando a medida que van pasando os sucesivos controis. A dinámica da acción prevé a realización de catro probas de alcoholemia, nas que os participantes só poden continuar se demostran non ter consumido absolutamente nada de alcohol, é dicir, os participantes terán que dar 0,0 en todos estes controis.

No caso de que o participante dea positivo nalgún dos controis, retíraselle o pasaporte e xa non pode continuar adiante. Aqueles que pasen o cuarto e último control tendo dado negativo en todos, reciben un cheque de gasolina por valor de 20 euros.

Medida eficaz

Os mozos participantes nestas campañas que utilizan o coche nos seus desprazamentos de lecer nocturno, xa sexa como condutores ou como acompañantes, aseguran que a implantación da figura do condutor alternativo axúdaos a afrontar o problema de mesturar alcohol e condución. Así, o 93% dos entrevistados cree que o condutor alternativo é unha opción moi ou bastante práctica e o 76% considéraa moi ou bastante crible.

Este feito é unha das variables que contribuíron á reducir nun 15,8% os accidentes de tráfico de mozos de 18 a 20 anos nas noites de "marcha", segundo datos da DGT deste mesmo ano. A estas cifras referiuse a responsable do programa Condutor Alternativo, Sonia Marco, na presentación desta iniciativa en Santiago. Acompañárona a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde. Este último agradeceu a existencia de campañas como esta e lembrou que en Santiago se rexistrou unha diminución significativa dos positivos nos controis de alcoholemia a condutores e da sinistralidade grave por esta causa.

O programa Condutor Alternativo da Fundación Alcohol e Sociedade conta co aval do éxito europeo da figura do condutor alternativo, coma no caso do Reino Unido, con "I´ll be des", ou de Francia, coa campaña "Celui qui conduit, c'est celui qui ne boit pas", de gran éxito dende 1999. Esta iniciativa conta co respaldo da Unión Europea.

Compartir: