ECONOMÍA

Máis de 90 empresas xa se inscribiron en Getting Contacts!

05/12/2012 O venres 14 de decembro celebrarase a segunda Xornada de Cooperación Empresarial Getting Contacts! de Santiago de Compostela, dentro do programa Santiago Investors Support, da Concellería de Economía, para a cal xa hai máis de 90 empresas inscritas. A Xornada ten coma obxectivos fortalecer as empresas locais, facilitando os contactos e o networking, xerar novas oportunidades de negocio, atraer a empresarios de outras pobacións e abrir as portas a novas inversións.

A organización das xornadas, que ten experiencia en máis de cen eventos destas características por toda España nos que teñen participado máis de 7.000 persoas, garante que cada participante poderá entrevistar cun mínimo de dez empresarios con intereses comúns para atopar novos clientes e proveedores, novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial ou atopar potenciais inversores.

A Xornada celebrarase o venres 14 de decembro no Centro Comercial Área Central pola mañá. A inscrición é gratuita e pode tramitarse na páxina www.gettingcontacts.com. Nesta web hai que cubrir o formulario de inscrición do xeito máis preciso posible para que se podan fixar as entrevistas máis interesantes para cada un dos participantes.

Na primeira edición de Getting Contacts que se celebrou o 19 de xuño no Hotel AC Palacio del Carmen, participaron 168 persoas en representación de 154 empresas de todos os puntos de Galicia. Realizáronse 2000 entrevistas entre empresas. O 83% das persoas participantes no evento manifestaron a súa intención de repetir a súa participación, avaliando a xornada cunha puntuación de 8,35 sobre 10.

Compartir: