BENESTAR SOCIAL

O Portal das Asociacións dará visibilidade, publicidade e asesoramento ás entidades e redes sociais de Compostela

05/12/2012 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, presentou un proxecto de apoio ao sector asociativo, que permitirá a creación do Portal das Asociacións, integrado na web municipal Compostela Integra. Aquí, as redes e entidades sociais do municipio poderán ter un espazo no que dar a coñecer as súas actividades e un instrumento para atopar asesoramento.

Esta iniciativa pretende dar "visibilidade, publicidade e asesoría" ás entidades sociais da cidade, segundo explicou Luís Rodríguez, de Xestión Social, a empresa encargada de desenvolver o proxecto. O Portal das Asociacións será un instrumento especialmente útil para aquelas entidades máis pequenas que non teñen os medios, como por exemplo unha páxina web, para dar a coñecer os seus fins e actividades.

Así, a visibilidade será posible grazas á inclusión das entidades nun directorio que conterá os datos básicos sobre obxectivos e actividades das mesmas. Ademais, estes colectivos poderán publicitar as súas accións a través dunha axenda e tamén dun apartado de novas.

Para estas entidades ábrese tamén unha vía de asesoramento de balde a través do teléfono (981 935 271 é 981 542 471), do correo electrónico (proxectoapoiosectorasociativo@xestionsocial.com) ou de forma presencial, cun servizo prestado todos os xoves, de 16:00 a 20:00 horas, no despacho 5 da Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES).

Nestes intres estase a contactar coas diferentes entidades, ás que se lles remite un cuestionario para que indiquen os seus datos e fins e acepten a adhesión a este Portal das Asociacións. Logo, cada asociación disporá dun usuario e contrasinal, grazas ao cal poderán acceder á rede e editar os seus contidos. Este espazo tamén facilitará a interacción entre as propias entidades a través de foros ou do correo interno.

O cidadán poderá acceder a este Portal a través dun enlace visual existente na páxina web municipal Compostela Integra. Alí, o usuario poderá atopar as diferentes redes e entidades sociais, con datos sobre as mesmas, enlaces ás súas páxinas web –se as tiveran-, e enlaces con outras entidades coas que colaboran.

Este proxecto ten un período inicial de seis meses, nos que se contactará coas entidades e se configurará o espazo para cada unha delas dentro do Portal das Asociacións. O xoves 13 comezará xa a funcionar o servizo de asesoría.

Direccións relacionadas



Compartir: