PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Remata o prazo de xustificación das subvencións ás asociacións veciñais

03/12/2012 A Concellaría de Participación Cidadá e Centros Socioculturais lembra que o mércores 5 de decembro remata o prazo para que as asociacións de veciños que teñen concedida a subvención para o exercicio 2012, acheguen a documentación xustificativa dos gastos.

A documentación xustificativa deberá presentarse no Rexistro Xeral da Rúa Salvador Allende, 4(zona das Galeras) ou nos rexistros auxiliares do Concello de Santiago(CERSIA ou CSC do Ensanche), ou ben utilizando os medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Este ano presentáronse 45 solicitudes, recibindo as 43 que cumpriron cos requisitos, máis fondos que en 2011. O máximo a percibir pasou de 1.355 a 2.000 euros. Tamén como novidade, este ano destinase o 80% destas axudas a actividades programadas polas asociacións e o 20% a gastos de funcionamento.

Fin do período de preinscrición nos campamentos de Nadal
Por outra parte, a Concellaría de Centros Socioculturais lembra que o mércores 5 de decembro remata o prazo para a preinscrición no programa de actividades de conciliación familiar e laboral, campamentos abertos Vive o Nadal 2012. Son oito programas nos centros socioculturais de Vite, Conxo, As Fontiñas, O Ensanche, e nos locais socioculturais das parroquias de Marrozos, A Gracia, Nemenzo e, a través da AV Nova Xeira de Figueiras, tamén no LSC de Figueiras.

O programa oferta globalmente 210 prazas para nenos de Santiago, dende os 4 ata os 12 anos. As familias interesadas poden achegarse aos centros socioculturais e recoller a folla de preinscrición.

Compartir: