PARQUES E XARDÍNS

O novo parque de Ramírez incorporará catro áreas de xogo, unha pista deportiva e dous circuítos biosaudables

03/12/2012 A concelleira de Obras, Infraestruturas e Medio Ambiente, María Castelao, deu conta da adxudicación da reforma do parque de Ramírez á empresa HPC por un importe de 350.001,77 euros máis IVE. Así, comezarán de inmediato e cun prazo de execución de catro meses, unhas obras que deixarán un parque moito máis versátil e seguro, con catro áreas de xogo, unha pista deportiva e dous circuítos biosaudables.

O novo parque de Ramírez será a primeira área interxeracional de lecer que dispoñía o Ensanche, de xeito que poderán facer uso dela nenos, mozos, pais e avós. Serán máis de 700 metros cadrados de parque infantil e outros 200 metros cadrados de pista polideportiva, das que poderán facer uso simultaneamente uns 194 usuarios: 115 nenos e 40 adultos comodamente sentados no parque, un máximo de 14 usuarios na pista deportiva e ata un máximo de 25 usuarios nos circuítos biosaudables.

En canto ao parque infantil, quedará organizada en catro zonas de formas redondeadas, conectadas por sinuosos camiños pavimentados con céspede artificial antiestático. Os camiños axudarán a agrupar os xogos por idades, creando pequenas separacións para que os nenos máis pequenos queden máis controlados e protexidos dos maiores.

Como denominador común das catro zonas, todos os xogos propostos caracterízanse pola asociación do metal con cordas e HPL de cores azul e laranxa. Ademais, son materiais altamente resistentes aos axentes meteorolóxicos, ao uso intensivo e aos posibles actos vandálicos. As áreas de xogo estarán pavimentadas con caucho continuo de fondo azul con motivos cósmicos en cor amarela.

Cada unha das catro zonas equipouse con elementos adecuados a distintas franxas de idades e capacidades. Ademais, estas áreas son exemplos de integración, pois o xogo reunirá todos os nenos, incluso aos que presenten algunha discapacidade.

A primeira zona denomínase de xogo combinado, para idades de 2 a 12 anos. Ten un gran xogo de tres torres, a máis alta delas de 6,50 metros de altura, da que sae un tobogán. Tamén ten un randeeiras cesta.

A segunda zona é un centro de actividades para usuarios de todas as idades. Ten dous pórticos de randeeiras e unha área con casiña e tobogán. A isto hai que sumar un resorte múltiple con paneis laterais, un resorte individual, un balancín dobre e un panel lúdico-pedagóxico do sistema braille. Os pequenos tamén poderán xogar á mariola.

A zona 3 concíbese como un xogo interactivo para nenos e nenas de máis de 3 anos. Esta área disporá dun xogo de trepa interactivo, nunca antes instalado en Galicia, no que se combina un a trepa tradicional con satélites electrónicos integrados. Pequenos e maiores poderán sentirse atraídos por esta instalación.

As montañas son as protagonistas da cuarta zona, para todas as idades. As montañas combinaranse con tobogáns, cordas de trepa e unha cama elástica redonda. A montaña maior deseñouse para que resulte accesible para nenos con dificultades motrices, incluso por nenos usuarios de cadeira de rodas.

O novo mobiliario facilitará a comodidade, a separación das propias áreas de xogo e o control dos rapaces polos pais, dada a súa situación. Con acabados en madeira, instalaranse catro bancos curvos de 4,5 metros de lonxitude e catro bancos tipo cadeira, ademais de dúas papeleiras.

Pista polideportiva e circuitos biosaudables
A pista polideportiva permitirá a práctica do fútbol e o baloncesto. O pavimento, así como as liñas regulamentarias, estarán realizados en céspede artificial antiestático. A estrutura entramada de valados metálicos arredor permitirá a perfecta visibilidade do entorno, tanto dende dentro como dende fóra da pista, debido á súa transparencia.

O parque completarase con dous circuítos biosaudables: un para o acondicionamento físico, onde os elementos seleccionados están especialmente deseñados para o exercicio cardiovascular e de forza; e outro para un tipo de exercicio de menos intensidade, no cal o tipo de exercicio está máis indicado para persoas maiores.

Peleteiro
As obras comezarán de inmediato, segundo apuntou María Castelao. Mentres duren as mesmas, as especies vexetais serán levadas ao viveiro municipal, para volver logo ao parque unha vez rematado.

Ademais, a concelleira recordou que se segue traballando para abrir, mentres duren as obras, o parque do antigo Colexio Peleteiro. Alí colocaranse novos elementos de xogo que, unha vez aberto o parque de Ramírez, poderán ser utilizados para equipar outros parques da cidade.

Acompañaron a María Castelao na presentación do proxecto do parque o responsable de Parques e Xardíns, José Antonio Mosquera, e a representante en Galicia de HPC, Teresa Martínez.

Compartir: