COMERCIO

O pequeno comercio compostelán agasalla a súa clientela polo Nadal

03/12/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, acompañada por Laura Insausti, de Eladiz; Leonor Díaz, de Como Pez en el Agua; e Eva Sánchez, de Matrioska, presentou no Pazo de Raxoi unha nova iniciativa coa que o pequeno comercio compostelán quere agasallar a súa clientela neste Nadal e na que colabora o Concello de Santiago.

O Comercio Local agasállate polo Nadal ¡Elíxenos! é unha iniciativa xurdida dun grupo de comerciantes, que conseguiron aglutinar na acción a 63 pequenos comercios da cidade e 35 bares, cafeterías e restaurantes, que dun modo conxunto queren convidar a súa clientela por mercar nos seus establecementos nestas festas.

Entre o 1 de decembro e o 5 de xaneiro, as persoas que fagan compras superiores a 30 euros nalgún dos comercios apuntados na promoción, recibirán un vale por unha consumición nos establecementos hostaleiros participantes. As consumicións serán un café, un refresco ou unha caña, e poderán tomarse os venres, sábados e domingos.

A finalidade da iniciativa é fomentar o comercio local e establecer unha rede de comunicación e apoio entre os comercios e os bares da cidade, xa que a unión é unha das formas para poder competir na situación económica actual. A idea da campaña é recrear o mesmo concepto das grandes superficies comerciais, que ofrecen zonas de compras e ocio no mesmo espazo, pero facelo no centro da cidade ou nos barrios, promovendo que a xente que merque no comercio local poda quedarse a tomar algo pola zona.

Compartir: