FESTAS

Novos concursos de andadura tradicional galega na Feira Cabalar da Ascensión

16/05/2006 As novas probas de andadura tradicional galega e un espectáculo de doma de alta escola son dúas das principias atraccións dunha nova edición Feira Cabalar da Ascensión. Coma nos últimos anos, o Mercado Nacional de Gando, en Amio, acollerá este evento, convertido xa nun clásico das festas.

A apertura de inscricións ás 9:30 horas abrirá o programa, que reserva as primeiras horas da mañá para os diversos concursos morfolóxicos: cabalos cruzados, eguas cruzadas, cabalos de pura raza galega e eguas de pura raza galega. A continuación, ás 12:00 horas chegará unha das principias novidades desta edición, o Campionato Galego Oficial de Andadura Galega, nas modalidades de dous e catro tempos.

O público que se desprace ata Amio poderá gozar especialmente da exhibición de doma que se realizará a partir das 13:00 horas. Correrá a cargo do Centro de Referencia do Cabalo de Pura Raza Galega, que presentará o espectáculo "O cabalo de Galicia". Exemplares desta raza autóctona executarán exercicios de alta escola e fantasías ecuestres, dirixidos polos domadores David Gaciño e Antonio Cabo.

Media hora despois será o momento dos cabalos de pura raza española, con outra exhibición de doma, realizada esta vez polo centro "O cabalo axuda" e dirixida por Manuel Iglesias Arribi.

O peche do concurso cabalar virá coa entrega de trofeos e do "Gran Premio Dragóns de Santiago". Este galardón institucional concédeo o Concello de Santiago e recae no cabalo ou egua que obtén a maior puntuación nos concursos morfolóxicos oficiais da feira.

O Concello encargou o desenvolvemento deste completo programa á entidade Poni Club Galicia. O orzamento é de 11.878 euros e repartiranse 2.700 euros en premios.

Compartir: