BENESTAR SOCIAL

O Fondo Galego reafirma o compromiso coa cooperación no seu 15º aniversario

01/12/2012 O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade reafirmou o compromiso das Deputacións e Concellos socios –entre eles o de Santiago- co desenvolvemento dos países empobrecidos na conmemoración do seu 15º aniversario. A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, uniuse ao acto conmemorativo desta efeméride, celebrado no edificio CERSIA.

A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, abriu o acto apostando polo valor da cooperación municipalista na defensa dos Dereitos Humanos. De seguido, a Tropa de Trapo emocionou o público co seu contacontos para crear conciencia solidaria. A gala conducida por Mariana Carballal continuou coa presentación do documental sobre o Fondo Galego de Cooperación realizado por voluntariado da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

O evento pechouse coa entrega dos premios do concurso Imaxes con Fondo, na que participaron diversas actrices e actores galegos. O fotógrafo Jose Romay, gañador da categoría de adultos, recibiu de mans do cómico Isi e a actriz Iolanda Muíños o seu galardón, unha viaxe a Cabo Verde para realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos no país. Ernesto Chao e Mela Casal, pola súa banda, outorgáronlle ao mozo Xiao Aller o premio correspondente á sección xuvenil, unha cámara réflex e un lote de produtos de comercio xusto.

Antes do acto conmemorativo, o Fondo Galego desenvolveu dende primeira hora as VII Xornadas de Cooperación: 15 anos comprometéndonos coa solidariedade. Expertas e expertos de Galicia, Cataluña e Portugal analizaron a cooperación municipalista no mundo e a situación do sistema galego de cooperación diante da crise.

Direccións relacionadas



Compartir: