FESTAS, DEPORTES E COMERCIO

A pista de xeo abrirase ao público o 5 de decembro cunha xornada de portas abertas

30/11/2012 Do 5 de decembro ao 3 de febreiro estará instalada no paseo central da Alameda a pista de xeo. Neste Nadal, a pista duplica o seu tamaño respecto da campaña pasada para facer aínda máis cómoda a patinaxe no recinto, que estará novamente cuberto por unha carpa transparente.

Tal como indicou o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, desta vez a pista terá unhas dimensións de 60 x 12,5 metros, proporcionando aos patinadores unha superficie de xeo de 500 metros cadrados. Esta pista será a segunda en tamaño que se instale en Galicia neste Nadal. O edil expresou o seu convencemento en que a nova situación na Alameda, punto intermedio entre o Casco Histórico e o Ensanche, así como o maior tamaño, evitando as colas da anterior campaña, atraerá a un importante número de patinadores ao recinto.

Non só se duplica o tamaño da pista, senón tamén o número de andadores, para facilitar a patinaxe aos que se inician nesta práctica. Tamén serán novidade os patíns, moito máis cómodos e adaptables, segundo apuntou Miguel Ángel Suárez, xerente de Invernalia, a empresa encargada da instalación da pista.

Outro servizo engadido será a cafetería que este ano estará instalada a carón da pista, para facer máis cómoda a espera aos pais mentres patinan os máis pequenos. E no eido comercial, habilitaron espazos para os anuncios dos establecementos comerciais que desexen colaborar. Neste sentido, o representante de Invernalia referiuse a unha cadea de supermercados que xa adquiriu 1.500 entradas para repartir entre os seus clientes.

Tamén se vai dobrar o número de invitacións de balde que se repartirán entre entidades sociais, colexios ou centros socioculturais, co obxecto de que ninguén quede sen patinar se así o desexa. Así o anunciou o concelleiro de Festas, Francisco Noya, quen tamén comunicou que a primeira xornada, o mércores 5 de decembro, será de portas abertas. Calquera cidadán poderá achegarse nesa xornada, prevista en principio para a tarde, a patinar e coñecer a pista.

Horarios e prezos
A pista de xeo estará aberta entre o 5 de decembro e o 3 de febreiro, cos seguintes horarios:

- Período lectivo: luns a xoves, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 17:00 a 21:00 horas; venres, de 9:00 a 14:00 (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 horas; sábados e domingos, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

- Período de vacacións de Nadal: luns a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 22:00 horas. Sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 23:00 a 2:00 horas.

A entrada xeral por 57 minutos, con patíns incluídos, custará 7,5 euros e, sen patíns, 4,5 euros. A entrada xeral sen limitación de tempo custará 10 euros con patíns e 5,5 euros sen eles. Haberá un prezo especial para as entradas dos escolares, a 4 euros cos patíns. Ademais, haberá a posibilidade de adquirir unha cartilla de 10 euros que facilitará descontos en función do número de veces que se pase pola pista.

Compartir: