EDUCACIÓN

"Bandada", gañadora do Premio Compostela de Álbums Ilustrados, na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (México)

29/11/2012 Dende o 24 de novembro e ata o 2 de decembro estase a celebrar a XXVI Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México. Como noutros eventos internacionais arredor da promoción do libro e da lectura, a Editorial Kalandraka como coorganizadora do Premio Internacional Compostela de Albums Ilustrados, xunto coa Concellería de Educación, acolle no stand da editorial diversas actividades con autores e ilustradores, presentacións de libros, encontros con distribuidores, institucións educativas e culturais, editores, mediadores de lectura, bibliotecarios, entre outros profesionais do sector.

Nesta edición, o libro Bandada, gañador do V Premio Internacional Compostela, centra moitas das actividades que se están a promocionar e, polo tanto, a cidade de Santiago ten, por extensión, unha presenza importante no contexto de cidades que fan do libro un instrumento importante da dinamización cultural e educativa dos cidadáns que habitan en cada territorio.

O director xerente da Editorial, Xosé Ballesteros, tivo ocasión de dar a coñecer e promover dous dos obxectivos principais que motivan a organización e promoción dun premio que xa ten unha importante repercusión internacional no ámbito do libro: por un lado a promoción da cidade de Santiago de Compostela como cidade de referencia cultural, educativa e turística e, por outra, a promoción do libro e da lectura entre os seus cidadáns .

Os autores gañadores nesta edición foron os mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, que recentemente recolleron en Santiago o seu premio. Estes dous mozos ilustradores, licenciados na Escola de Deseño do Instituto Nacional de Belas Artes de México, tamén están a participar en diferentes actos de presentación deste libro, que xa está nas librerías nas diferentes linguas ás que se traduciu.

Os dous autores presentaron o seu libro nesta Feira Internacional de Guadalaxara (FIL), onde explicaron que esta fábula moderna é unha crítica contra o progreso desaforado e a ambición. O proceso de creación do álbum ilustrado Bandada levounos a emprender un proceso de observación e análise doutros álbums ilustrados, a procurar documentación histórica e referentes audiovisuais, a estudar posturas e xestos a partir de poses que eles mesmos adoptaron para dar forma aos seus personaxes, a escoller un catálogo de aves simbólicas: dende a sabedoría do moucho, á beleza do pavo real, a humildade das aves de curral, ou o instinto cazador da aguia… Máis dun ano de traballo perfeccionista, abranguendo moitas horas de diálogo e posta en común, de bocetos e láminas de sorprendente e espectacular acabado feitas coa técnica do grafito.

A FIL é una das feiras internacionais máis importantes neste sector, non só pola superficie que ocupa -34.000 metros cadrados (o equivalente a sete campos de fútbol)-, senón tamén polo volume de persoas que a visitan, 600.000. Autores, axentes literarios, bibliotecarios, libreiros, familias e máis de 1.935 casas editoriais de 40 países visítana cada ano.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora organizan anualmente no mes de abril, e que en 2013 acadará a súa décimo terceira edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Compartir: