PLENO

O Pleno municipal aproba inicialmente o regulamento de venda ambulante

29/11/2012 O Pleno da Corporación aprobou inicialmente, na súa sesión ordinaria de novembro, o regulamento de venda ambulante. Ademais, ratificáronse declaracións institucionais relativas ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero e en defensa do xornalismo.

O novo Regulamento de Venda Ambulante introduce varias novidades, algunha das cales responden ás demandas manifestadas polo propio colectivo de vendedores ambulantes, que en Santiago se instalan no tradicional mercado dos xoves en Salgueiriños. Ese é o caso da autorización de produtos de alimentación frescos.

Este ampliación dos produtos de venda pretende dinamizar o mercado e atraer a máis compradores. De feito, os postos de alimentación situaranse na parte central do mercado, que na actualidade está máis baleira.

O Regulamento tamén se adapta ás diferentes modificacións normativas tanto a nivel estatal como autonómico. Así, por exemplo, simplifícase o procedemento no outorgamento de autorizacións. Estas concederanse por un prazo de cinco anos, prorrogables por outros cinco. Ademais, contrariamente ao que sucedía ata agora, a autorización poderá habilitar non só ao titular, senón tamén ao cónxuxe ou descendentes directos. No caso de cooperativas, estas non poderán ocupar máis do 50% do espazo da zona autorizada.

Declaracións institucionais
Por outra parte, o Pleno aprobou unha declaración do Concello de Santiago de Compostela con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, celebrado o 25 de novembro. No texto, ratifícase o compromiso municipal de "traballar conxuntamente con outros municipios da nosa comunidade para favorecer o rexeitamento social a violencia de xénero a través de cursos, talleres e actividades coa prevención como obxectivo principal". Así, seguirase promovendo "unha sociedade máis xusta e igualitaria que provoque o rexeitamento social e institucional da violencia en tódolos ámbitos buscando a complicidade da cidadanía coa súa implicación e compromiso".

Tamén a proposta da concelleira delegada de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, deuse o visto bo a unha declaración de Santiago de Compostela como localidade solidaria co alzheimer.

Noutro ámbito, os tres grupos municipais prestaron o seu apoio a unha declaración institucional de manifesto da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE) en defensa do xornalismo. Santiago é a segunda cidade importante e capital de autonomía que se suma a esta iniciativa.

Finalmente, tamén se deu o visto bo por unanimidade a unha proposición do BNG relativa á paralización dos desfiuzamentos e ao avace na defensa dos debedores hipotecarios. A proposta saíu adiante cunha emenda presentada polo PP.

Pleno extraordinario
Pola mañá, o Pleno da Corporación celebrara unha sesión extraordinaria, na que formalizaron a súa renuncia como concelleiros os integrantes do grupo municipal socialista Xosé A. Sánchez Bugallo e Mª Luisa del Río Araújo.

Nesta sesión tamén se aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOM no ámbito do SUND-3 da Torreira-Sarela, e no que afecta aos capítulos IV e V da normativa urbanística, así como aos artigos 125.6 e 126.7. Igualmente no ámbito urbanístico, deuse o visto bo definitivo ao estudo de detalle do Polígono 29 de Cornes III.

Compartir: