ALCALDÍA

O alcalde visitou as obras realizadas nos barrios de Fontiñas e Viso

29/11/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou os barrios das Fontiñas e de Viso, onde inspeccionou as obras que se están a realizar nos mesmos. Estivo acompañado polo concelleiro de Barrios, Juan de la Fuente, e polos representantes veciñais.

En Fontiñas, Ángel Currás visitou as obras que se están realizando na rúa Roma para evitar o muro de granito, cortando as árbores alí existentes. Tamén se están realizando algunhas actuacións en pavimento e beirarrúas.

Aproveitando a visita, o alcalde escoitou as peticións veciñais máis urxentes, que pasan sobre todo polo asfaltado do tramo da rúa de Atenas que aínda non o ten e pola instalación de novo mobiliario. Tamén se referiu o rexedor municipal ao necesario acondicionamento e consolidación da ladeira a carón do polígono 4 de vivendas.

Ángel Currás tamén mantivo unha conversa con Juan Carlos Losada, xerente de Área Central, superficie que está perdendo un importante número de espazos comerciais, ben polo seu traslado ao novo centro das Cancelas, ben polo seu peche. Neste sentido, manifestou o compromiso de colaboración municipal para contribuír á recuperación da actividade.

Rúa das Hedras
Xa no barrio de Viso, o alcalde puido inspeccionar a obra de asfaltado realizada na rúa das Hedras. A propósito desta actuación, agradeceu a colaboración de Fenosa na retirada dos postes existentes, o que facilitou a rápida execución da obra.

Cara o futuro, a prioridade pasa pola construción dunha beirarrúa neste vieiro de acceso ao barrio. Solucionaríase así o problema de seguridade para os peóns nunha zona na que transita bastante tráfico. Neste mesmo sentido, o alcalde coincidiu cos veciños na necesidade de evitar o estacionamento dos vehículos nas beiras desta rúa.

Compartir: