RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Un novo libro-disco amosa a dimensión musical de Eugenio Granell

28/11/2012 A Fundación Granell acolleu a presentación do libro-disco Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada. A publicación dá a coñecer a faceta musical de Eugenio Granell, na que tamén destacou.

Eugenio Granell, coñecido universalmente pola súa obra plástica surrealista e recoñecido polos seus traballos como escritor, cineasta e dramaturgo, destacou tamén pola súa faceta musical, chegando a ser un reputado intérprete (1º violín da Sinfónica de Santo Domingo) e coñecedor da linguaxe musical clásica. O artista galego deixou diversos manuscritos con melodías nas que se recoñece a inspiración das formas populares da música galega ademais de ideas musicais propias.

Aproveitando esta efeméride, a Fundación Eugenio Granell en parcería coa aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, e co financiamento da Fundación Cidade da Cultura e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, saca á luz estes apuntamentos, e achéganos os sons de Granell a través do estudo de Sonsoles Hernández Bar­bosa, profesora da Universidade das Illas Baleares e premio de Ensaio Damaso Alonso na contextualización histórica e crítica artística en cola­boración con Benxamín Otero na edición, transcrición e análise musical das partituras. Tamén se publicará, xunto a isto, un disco baixo a dirección musical do pianista cubano Alejandro Vargas, cun elenco de escollidos músicos que toman eses apuntamentos de Granell para construír unha nova dimensión musical. O CD gravouse -ao vivo- a principios de outubro no Auditorio de Ourense, co estudio móbil da Radio Galega e con Pablo Barreiro coma técnico de son.

A presentación mundial do proxecto realizarase nun concerto especial na Cidade da Cultura, coincidindo coa clausura da exposición dedicada a Eugenio Granell no Arquivo de Galicia, o domingo 2 de decembro. O cuarteto fundamental estará formado por Alejandro Vargas (piano), acompañado dos artistas José Manuel Díaz (contrabaixo), LAR Legido (batería) e Mónica de Nut (voz), e arroupado polos colaboradores que gravaron o disco como Edelmiro Fernández (gaita), Germán Díaz (zanfona) e María José Pampano (viola).

O concelleiro de Relacións Institucionais e membro do Padroado da Fundación, Francisco Noya, asistiu a este acto, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vazquez, e no que tamén participaron, entre outros, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director do proxecto, Ramom Pinheiro.

Compartir: