CULTURA

Banda Crebinsky presenta o seu novo disco, "Jet Lag", en Sons 2012

28/11/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Pablo Pérez, membro da Banda Crebinsky presentaron o concerto que a banda dará o domingo 2 de decembro dentro do ciclo Sons 2012. A Banda Crebinsky presentará neste concerto, ás 20:00 horas no Teatro Principal, o seu último traballo, Jet Lag.

Banda Crebinsky é unha pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario, fuxida do filme Crebinsky. Do mesmo modo, as súas músicas nacen como banda sonora e saltando da pantalla, corren ás rúas e os escenarios, crecendo e desenvolvéndose con grande enerxía. Unha historia ben interesante.

Se houbese que etiquetar o seu estilo, pronto nos veriamos en serias dificultades. Con todo, podemos arriscar algunhas expresións como "composicións eclécticas- delirantes próximas á world music" ou ben "música popular dun país inexistente" que nos aproximaría algo á realidade. Da súa escoita reflexiva evidénciase un traballo musical de gran calidade, cheo de detalles e minucioso, tanto a nivel compositivo como de interpretación. Non obstante, é case imposible escoitar todo o seu espectáculo de xeito reflexivo, pois a contaxiosa vitalidade que transmite Banda Crebinsky invita a festa sen paliativos.

Os integrantes da Banda Crebinsky teñen unha ampla bagaxe musical e unha gran capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o folk ao jazz, rock, musica clásica ou experimental.

Outro dos aspectos nos que se reflicte a diversidade que caracteriza a este proxecto son as linguas das letras dos seus temas: galego, ruso, castelán, francés e italiano.

As entradas poden mercarse na billeteira do propio Teatro, que está aberta de martes a sábado e tamén os días de evento de 18:00 a 21:00 horas. Sons 2012 pechará a súa programación o 18 de decembro, ás 21:00 horas, cun concerto onde Sergio Tannus estrea o seu último traballo, Son brasilego.

Compartir: