CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 200 actividades para celebrar o Nadal de balde nos centros socioculturais

28/11/2012 Co título de Vive o Nadal, a Concellería de Centros Socioculturais preparou un variado programa de actividades para todos os públicos nestas datas especiais. Serán máis de 200 propostas, entre as que se inclúen como novidade este ano algunhas tan singulares como a gravación dun lipdub ou o Belén artesanal realizado polos usuarios de 12 centros socioculturais.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou o programa de Vive o Nadal, lembrando que este inclúe o xa presentado campamento de conciliación, que se desenvolverá en oito centros socioculturais (Vite, Conxo, Fontiñas, O Ensanche, Marrozos, Nemenzo, A Gracia, e Figueiras), os días 26, 27, 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 5 de decembro.

A este programa de conciliación súmanse outras propostas, todas de balde, a desenvolver preferentemente na xornada de tarde. Unha das actividades destacadas, xa en marcha, son os obradoiros de modelado en barro e pintura, no que participan rapaces de 6 a 12 anos en 12 centros socioculturais de barrios e parroquias.

Os participantes xa están traballando dende principios de novembro para modelar as figuriñas de barro, conducidos polo artesán Manuel Barreiro (Paparolo), e rematarán cos traballos de pintura guiados polos propios animadores socioculturais dos centros. Destes obradoiros sairá un Belén colectivo, que se montará no Pazo de Raxoi para ser exposto e visitado. O Belén ten como peculiaridade que buscará reproducir a cidade, con construcións similares ás da zona vella. Tamén se está a estudar a posibilidade de proxectar as imaxes que reflictan o proceso de creación deste Belén.

Lipdub
Unha das novidades deste ano será a produción dun vídeo musical, un lipdub que, con temática do Nadal, permitirá facer visible o traballo que se fai nos centros socioculturais, animando á participar nel a todos aqueles veciños que o desexen.

Un lipdub (dobraxe de beizos) é un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan labios, xestos e movementos cunha canción popular ou calquera outra fonte musical. Non importa tanto a calidade de son da toma, porque é na edición posterior cando se incorpora a canción como banda sonora.

Con este vídeo preténdese, ademais de realizar de forma colectiva unha experiencia creativa, dar visibilidade e difusión a oferta de actividades dos centros socioculturais, así como captar novos usuarios. O vídeo terá formato de felicitación de Nadal.

Implicadas na súa produción, ademais de todo os equipo de animación sociocultural dos distintos centros, estarán catro estudantes de grao en Comunicación Audiovisual da USC, que se encargarán da fase de gravación, así como da postprodución e montaxe do vídeo.

Haberá sesións de gravación en quince centros socioculturais, seguindo un calendario que se iniciará o 10 de decembro e rematará o 17 de decembro. Calquera compostelán pode sumarse a este proxecto e, de feito, o concelleiro Francisco Noya ten a intención de implicar o propio alcalde para que participe. O lipdub estrearase o 28 de decembro na inauguración do Centro Sociocultural de Santa Marta. Tamén poderá verse en Youtube ou Vimeo.

Agasallo viaxeiro, obradoiros, actuacións e concursos
Outra das actividades salientadas polo concelleiro foi a do Agasallo Viaxeiro, que permitirá o intercambio de agasallos entre os nenos dos distintos centros socioculturais. Tamén se referiu ao obradoiro de estimulación psicomotriz para bebes que se desenvolverá na Casa das Asociacións de Cornes. Leva por título Mamá, ¿que fago coas mans? e participarán nais e pais cos seus bebés de 6 a 24 meses.

Esta oferta complétase cunha ampla gama de obradoiros para adultos: elaboración de xabóns, candeas decorativas, centros florais, obradoiros de ambientación de Nadal, cociña de Nadal...

O programa tamén inclúe ata 20 actuacións (música coral, pop, infantil), contacontos, representacións de teatro ou ilusionismo, con propostas tan suxestivas como Pesdelán, Os Bolechas, o grupo Aerosoul, Pablo Bicho, Loli Nogueira, Pablo Diaz e Javier Muro.

Tampouco este ano faltou o concurso infantil de postais de Nadal, onde teñen participado 17 centros socioculturais, cun total de 148 debuxos feitos por nenos de 5 a 12 anos. E por suposto, os paxes dos Reis Magos pasarán en 29 visitas polos centros socioculturais para recoller as cartas dos nenos.

Finalmente, Francisco Noya lembrou que, un ano máis, se convocará o concurso municipal de beléns, no que poderán participar os diversos centros socioculturais. O orzamento estimado para todas estas actividades de Vive o Nadal é de 20.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: