MEDIO RURAL

Avanzan a bo ritmo as obras de desbroce e asfaltado nas parroquias do rural

28/11/2012 O concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, deu conta das actuacións que o seu Departamento está a executar nestes intres nas parroquias do rural. Trátase de obras de desbroce, tapado de fochancas e asfaltado que avanzan a bo ritmo, co único inconveniente das inclemencias meteorolóxicas.

A día de hoxe xa está completado o 75% os traballos de desbroce e limpeza de cunetas. Unicamente quedan cinco parroquias nas que intervir: Aríns, Santa Cristina de Fecha, San Xoán de Fecha, A Peregrina e Grixoa, nas que se traballará nos vindeiros días.

En canto ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2012), as obras comezaron pola parroquia da Gracia, nos lugares de Barral, Garabal e As Pereiras. A base da pista xa está rematada, pero a empresa adxudicataria está á espera de que mellore a meteoroloxía para colocar a capa asfáltica, xa que esta non pode botarse nas actuais condicións de humidade. Rematada esta intervención, proseguirase coa obra de Vilar de Outeiro, na parroquia de Verdía, e progresivamente, co resto de actuacións previstas.

As obras de tapado de fochancas están atopando as mesmas dificultades en canto á humidade. En canto o tempo o permita, iniciaranse os labores, comezando pola parroquia de Enfesta, dende a Sionlla ata Frades (estrada do Aeroporto a Carballal). Logo seguirase con outras pistas da parroquia, de acordo a un percorrido deseñado en colaboración coa asociación veciñal. Neste sentido, Luis Bello indicou que se lles está pedindo ás entidades veciñais que informen dos buracos no pavimento e deficiencias detectadas nas pistas das respectivas parroquias.

Respecto ao Programa Estratéxico de Infraestruturas do Rural (PEIM), da Consellería do Medio Rural e do Mar, o edil informou que para esta xornada estaba previsto o inicio das obras, co perfilado de cunetas, comezando por tres pistas da parroquia de Marrozos: Sixto, camiño da Cañoteira a Barreira e Gamás. Posteriormente traballarase en Piñeiro, en Eixo de Abaixo.

Luis Bello tamén anunciou que, co orzamento dispoñible a partir das baixas nas adxudicacións, se realizarán outras obras en pistas deterioradas de parroquias como A Gracia, Figueiras ou Enfesta, entre outras. Igualmente, estanse estudando actuacións máis integrais para algúns vieiros de parroquias como Villestro, Sabugueira ou Bando.

O concelleiro estimou o investimento a executar nestas obras prevista ata final de ano nuns 400.000 euros. Tendo en conta que o POS ou o PEIM teñen continuidade en 2013, valorou todas estas actuacións nas parroquias do rural en, aproximadamente, 1,6 millóns de euros.

Compartir: