TURISMO

As Cidades Patrimonio promocionan a súa gastronomía en Madrid

27/11/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentará a acción de promoción gastronómica conxunta que as Cidades Patrimonio da Humanidade de España desenvolverán este mércores 28 pola tarde na Casa de Galicia de Madrid, dentro do programa de actividades de celebración do 40 aniversario da Convención do Patrimonio Mundial. Turismo de Santiago é a entidade encargada de organizar esta actividade conxunta do Grupo de Cidades Patrimonio, que se suma á que se celebrou a semana pasada en Barcelona.

Ambas accións concibíronse como unhas catas dinámicas dunha mostra de produtos seleccionados entre os mellores queixos, viños e aceitas das cidades. O cociñeiro recomendará posibles maridaxes e compartirá cos asistentes seis receitas orixinais, que se degustarán posteriormente. Os asistentes ás presentacións, xornalistas gastronómicos e de viaxes, recibirán unha guía de cata con imaxes e unha descrición técnica de todos os produtos e das receitas degustadas, así como un pack gastronómico de obsequio.

O cociñeiro encargado de dirixir as catas, elaborar as receitas e comentar os produtos será o galego Franciso Piñeiro, Premio Nacional de Gastronomía "Salvador Gallego" 2011 – 2012, chef executivo de Benboa Corrubedo, un proxecto sustentable de mercado con cociña baseada no produto galego e coordinador do libro solidario Sabor a vida, elaborado por doce cociñeiros, que doan toda a recadación a Asociación Española Contra o Cancro.

O produto que representará a Santiago será o Queixo Tetilla "Tres Pazos", de Queserías del Ulla. Os queixos desta empresa de Vedra foron recoñecidos entre os tres mellores queixos de Galicia en varias ocasións na cata anual de queixos de Galicia do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla. Os produtos que representarán ás diferentes cidades son: Alcalá de Henares, viño; Àvila, queixo; Cáceres, queixo; Córdoba, aceite; Cuenca, viño; Ibiza, viño; Mérida, aceite; Salamanca, viño; Santiago de Compostela, queixo; Segovia, viño; Tarragona, aceite; e Toledo, aceite.

Turismo de Santiago comentará a cata en tempo real a través da súa conta en Twitter: @santiagoturismo. Tamén se creou o hastag #GastroPatrimonio para seguir o evento nesta rede social.

Compartir: