MEDIO AMBIENTE

Unha carpa na praza Roxa informa os cidadáns sobre as mellores prácticas ambientais na xestión diaria dos residuos

27/11/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao; o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito; e o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Luis Lamas, visitaron a carpa de reciclaxe instalada na praza Roxa. A mesma forma parte da campaña "Separemos ben, reciclaremos mellor", impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes nun total de 66 concellos.

María Castelao animou os cidadáns a visitar esta carpa e tamén a colaborar coa súa reciclaxe no fogar a lograr que Santiago teña unha máis eficaz e eficiente dos seus residuos, contribuíndo igualmente a unha cidade máis sostible medioambientalmente. Tamén se sumou a este chamamento Justo de Benito, quen resaltou a importancia da separación que fan os cidadáns na súa casa para lograr os obxectivos de reciclaxe. Neste sentido, indicou que o obxectivo en Galicia é triplicar as porcentaxes de reutilización e reciclado en Galicia, pasando do 10% actual ao 30% en 2020.

A carpa da reciclaxe serve para informar, formar e concienciar á poboación sobre a necesidade de aplicar con efectividade o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), así como separar os residuos correctamente como garantía dunha xestión sostible dos nosos refugallos, velando por que esta sexa respectuosa co medio ambiente e a saúde.

A carpa instalada en Santiago de Compostela estará atendida por monitores especializados durante tres días seguidos co fin de captar a interese dos transeúntes e orientalos sobre as mellores prácticas ambientais na xestión diaria dos desperdicios producidos nas súas casas e centros de traballo.

Formación adaptada
Co obxectivo de adaptar a formación ás necesidades de cada cidadán que se achegue á carpa, este será sometido a un diagnóstico inicial sobre o seu nivel de coñecementos na materia, procedendo a continuación, e en función dos resultados do mesmos, a proporcionar os datos que complementen a súa bagaxe, solventando as dúbidas e erros que poida presentar.

Cómpre sinalar que a confusión en torno á separación de residuos en orixe está moi estendida, sendo o contedor amarelo o máis susceptible. A este tan só deben desviarse os envases de plástico, as latas e os briks, pero nunca plásticos que non sexan envases. É o caso de cueiros, compresas, cables ou bolígrafos.

Malia que o recipiente azul, destinado a acoller envases de papel e cartón, e o iglú verde, no que deben introducirse os envases de vidro, están máis asentados e teñen unha maior tradición, os erros son aínda frecuentes. Respecto ao primeiro, porque o material a depositar no mesmo non debe estar sucio nin con restos de graxa, evitando os papeis de calco e plastificados. En canto ao iglú, dicir que as botellas, tarros e frascos de vidro non deben levar tapas, cortizas nin tapóns, resultando necesario evitar os vidros especiais tales como cristais de fiestras, parabrisas de coches, lámpadas ou espellos.

En relación ao recipiente verde convencional, este alberga os restos orgánicos e materiais non reciclables, que Sogama converte en electricidade, recuperando deste xeito a enerxía contida nos mesmos; unha enerxía que, de non seguir este camiño, acabaría desperdiciada en vertedoiro, co conseguinte risco ambiental.

Compartir: