EDUCACIÓN

Concello e Xunta investirán preto de 200.000 euros en obras prioritarias en oito colexios

27/11/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, deron conta do compromiso entre os seus respectivos departamentos para executar unha serie de obras prioritarias en oito centros escolares. Estas actuacións suporán un investimento conxunto duns 200.000 euros.

Os centros nos que se realizarán obras, segundo anunciou Rebeca Domínguez, son: Raíña Fabiola, Lamas de Abade, Pío XII, Monte dos Postes, Quiroga Palacios, As Fontiñas, Rodríguez Xixirei e Apóstolo Santiago. Algunhas das obras executaranse aproveitando as vacacións de Nadal. As outras iranse realizando na medida en que non interfiran no curso escolar e, de darse o caso, deixaríanse para o remate do período lectivo, apuntou Indalecio Cabana.

Unha das obras que se realizará durante o Nadal será a substitución da caldeira do CEIP Lamas de Abade. O xefe territorial de Educación explicou que a caldeira actual quedou obsoleta e consume demasiado, polo que se optou por substituíla en vez dunha reparación que resultaría igual de custosa.

Outra actuación importante realizarase no CEIP Apóstolo Santiago, habilitando un espazo de comedor no edificio anexo. As limitacións existentes solucionaranse con este espazo na planta baixa do devandito inmoble. A primeira planta quedará para a Escola Municipal de Música.

No CEIP Monte dos Postes, estase á espera de que o Consello Escolar do centro aprobe a proposta da Consellería de ampliación de dúas aulas. Deste xeito, todos os alumnos de infantil, agora repartidos entre a primeira planta e a planta baixa, quedarían agrupados nesta última.

A obra prevista no CEIP As Fontiñas é a adecuación do muro. Trátase dunha actuación fundamentalmente preventiva, para evitar que este se deteriore máis. A obra xa ten a autorización de Patrimonio.

En canto ao CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, a prioridade é dotar dun peche metálico ao centro. A outra parte do orzamento para este colexio destinarase ao pintado dalgunha aula.

A estas obras hai que sumar o acondicionamento do muro do CEIP Raíña Fabiola e do cableado exterior no CEIP Quiroga Palacios, así como a intervención prevista no CEIP Pío XII. Neste último centro, a Concellería e a Consellería están a perfilar o proxecto e o orzamento para a construción dunha cuberta.

Compartir: