URBANISMO

A Cidade da Imaxe, máis preto

15/05/2006 A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou provisionalmente o Plan de Sectorización dos terreos onde se situará a Cidade da Imaxe, en San Marcos. Este proxecto afectará a preto de 500.000 metros cadrados, dos que 240.000 serán edificables.

Este Plan contempla a reserva de algo máis de 28.000 metros cadrados para platós e unha dotación de 2.743 prazas de aparcadoiro, das que 686 serán de dominio público. O proxecto será agora sometido ó informe da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, tralo cal o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poderá proceder á expropiación dos terreos.

Para o voceiro do Goberno Local, Francisco Candela, trátase dunha "excelente" noticia para Santiago, por canto a industria audiovisual é unha "prioridade". "O proxecto permitirá completar unha zona onde xa existen dous centros de produción audiovisual, como son Televisión de Galicia e Televisión Española e permitirá a creación de novas empresas audiovisuais", sinalou. Candela confía en que a Cidade da Imaxe sexa realidade nun prazo de dous a tres anos.

Compartir: