MULLER

Andaina contra a violencia de xénero

25/11/2012 Celebrouse a segunda edición da Andaina Solidaria organizada pola Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, a través do Centro de Información á Muller (CIM), para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A concelleira de Muller, Paula Prado, sumouse a esta andaina, que tiña o obxectivo de condenar a violencia de xénero, concienciar e sensibilizar sobre a súa erradicación e promover a empatía e a autoestima para tomar partido en contra da violencia cara as mulleres. A camiñada partiu dende a praza de Lavacolla, pasando polo Monte do Gozo para incorporar aquelas persoas que o desexaran.

As persoas participantes estiveron en todo momento acompañadas por monitores e monitoras ao longo de todo o percorrido e tiveron un coche de apoio para calquera imprevisto que puidera xurdir. A cada participante entregóuselle ao inicio da etapa un distintivo que levou ao longo de todo o percorrido.

Os participantes camiñaron ata a praza do Obradoiro, onde celebraron unha concentración baixo o tendedeiro de lemas contra a violencia de xénero configurado polos escolares composteláns o pasado 23 de decembro.

A estas actividade hai que sumar tamén a exposición fotográfica Así é como vivo, que reflicte en 10 paneis fotográficos o estado no que quedan os fogares nos que se dan situacións de violencia de xénero. Esta mostra foi percorrendo diversos centros educativos e socioculturais ao longo do ano. Agora péchase no Centro Sociocultural de Cornes, onde estará do 26 de novembro ao 14 de decembro.

Gran lazo violeta
O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, da Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego tamén preparou unha actividade de participación cidadá, neste caso o martes 27 de novembro, a partir das 11:00 horas.

Nesta acción de concienciación e sensibilización poderán participar todos os e todas as cidadás que se acheguen á avenida Xoán XXIII para colaborar na formación dun gran lazo violeta composto por máis de 1.000 flores artesanais. Quérese simbolizar así a implicación e a unión da cidadanía en contra desta realidade.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: