EDUCACIÓN

Remata o prazo de inscrición no programa de conciliación de Nadal organizado por Educación en tres centros escolares

24/11/2012 O luns 26 remata o prazo de preinscrición no Programa de conciliación familiar e laboral para este Nadal 2012. A iniciativa comprende un conxunto de actividades, que se desenvolverán nos CEIP Ramón Cabanillas, Pío XII e As Fontiñas, dirixidas aos nenos e nenas de educación Infantil e primaria do municipio de Santiago. As datas de realización son os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro.

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa para de conciliación para as familias no tempo de vacacións do Nadal. Tras o éxito da edición da edición 2011, na que se levou o programa a tres centros educativos, atendendo á propia demanda dos pais, repítese a fórmula, na que poderán participar ata 300 rapaces e rapazas, 100 en cada centro.

As familias poden inscribir nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria de Santiago. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

O horario será de 7:45 a 15:30 horas. O servizo de madrugadores (aula matinal) funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 15:30 horas, existe a posibilidade de que os rapaces fagan uso do servizo de comedor. O prezo dependerá das modalidades ofrecidas, e mesmo podería reducirse de haber un alto número de inscritos finalmente.

Direccións relacionadas



Compartir: