CULTURA

Cineuropa recoñece a heteroxénea traxectoria da actriz e cantante Najwa Nimri

23/11/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, entregoulle o premio Cineuropa á actriz e cantante Najwa Nimri, nun acto celebrado no salón vermello de Raxoi. A artista presenta o seu novo disco, Donde rugen los volcanes, nun concerto este sábado, 24 de novembro, no Teatro Principal.

Cineuropa sente atracción polas traxectorias non acomodaticias; esas que non son, de ningún xeito, previsibles, que pegan xiros, viraxes como a da súa "malvada" no conto de fadas e fanta-terror de Amenábar, Abre los ojos.

Para seguir a traxectoria de Najwa Nimri e non perderse polo camiño convén non pechalos. Comezou como rebelde con causa dun cinema valente e coraxudo que facían un grupo de mozos vascos, un cinema convulso, molesto, afterpunk, indisociable do latexo violento da Euskadi que vivían na década dos 90 do século pasado.

Esa antiheroína dos suburbios de Pasaxes ía ser, co tempo, actriz das que autores como Julian Schnabel, Ken Loach ou Pedro Almodóvar quererían para que enriquecese as súas películas cunha aparición. Porque estetas como Schnabel ou Almodóvar sabían xa apreciar o que vale unha aparición en pantalla de Najwa Nimri, capaz de roubar películas dende un rol secundario. Non en balde, ela é a coda que Pedro Almodóvar borda ao final do seu excepcional La piel que habito.

E que pel habita Najwa Nimri? Posúe catro nomeamentos aos Goya: dous polos seus papeis en Los amantes del Círculo Polar e por Lucía y el sexo, ambas dirixidas por Julio Médem, e os dous restantes pola música de dúas películas de Daniel Calparsoro, Asfalto e Guerreros. Porque esa autoría bifronte, a da interpretación e a da música, presente neste Cineuropa no marco do cal Najwa ofrece un concerto, é outra das pegadas do carácter pouco dado a encadramentos da nosa premiada.

Nos últimos tempos, ademais de Médem, actuou ás ordes de Icíar Bollaín (en dúas ocasións), de Gonzalo Suárez (casualmente en Oviedo Express, a película que o pasado ano serviu de marco á entrega do noso Premio Cineuropa da XXV edición, Aitana Sánchez-Gijon), do arxentino Marcelo Piñeyro en El método e de Eduardo Chapero-Jakson en Verbo.

Verbo e tonalidade musical, actriz e cantante, musa de Calparsoro, Médem ou Bollaín, musa, se nolo permite o Premio Cineuropa, desta XXVI edición do festival.

Compartir: