EMPREGO

Trinta alumnos fórmanse en servizos de bar no marco do Pacto Local polo Emprego

23/11/2012 A concelleira de Benestar Social e Emprego, Paula Prado, presentou o Curso de Servizos de Bar e Cafetería que se está a realizar na sede da Asociación Hostalería Compostela. As dúas quendas desta formación están dirixidas, respectivamente, a mozos de entre 18 e 25 anos e a desempregados en xeral.

Paula Prado salientou a importancia que cursos coma estes teñen para mellorar a empregabilidade e para a profesionalización do sector hostaleiro, xerador de emprego en Santiago. Accións deste tipo están incluídas no Pacto polo Emprego, asinado polo Concello con diferentes axentes sociais da cidade e que conta cun orzamento de 792.886 euros. Consciente da importancia da hostalería no tecido económico da cidade, a edil anunciou a creación pola Axencia Local de Colocación dunha bolsa específica de emprego para este sector.

Acompañaron á concelleira o presidente das seccións de Restauración, Jesús Sordo, e de Hospedaxe, José Manuel Otero, e o xerente de Hostalería Compostela, Andrés Condide . Estes incidiron no feito de que, malia a crise económica e a caída na demanda e no turismo, os empresarios seguen a demandar profesionais ben formados e cualificados, polo que a hostalería pode ser unha oportunidade de futuro. O sector agrupa a máis de 1.500 empresas de hospedaxe e restauración de Santiago e comarca.

O Curso de Servizos de Bar e Cafetería permitirá a 30 alumnos recibir 50 horas de formación. A primeira quenda, do 20 de novembro ao 10 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, está dirixido prioritariamente a 15 mozos e mozas de entre 18 e 25 anos. A segunda, que comeza o 3 de decembro, de 9:00 a 14:00 horas, ten como destinatarios desempregados en xeral.

A formación consta de sete módulos, nos que os alumnos abordarán as seguintes temáticas: O bar como establecemento e como departamento; Utilización de maquinaria, equipos, útiles e menaxe propios do bar; Rexeneración de xéneros, bebidas e produtos culinarios propios do bar; Preparación e presentación de bebidas non alcohólicas; Preparación e presentación de bebidas combinadas; Preparación e presentación de aperitivos, cervexas, augardentes e licores de maior consumo no bar; e Preparación e presentación de canapés, bocadillos e sandwiches.

Documentos relacionados



Compartir: