NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Normalización Lingüística convida os centros escolares a sumarse ao Club de Debate

23/11/2012 Os concelleiros de Normalización Lingüística dos concellos de Santiago, Rebeca Domínguez; de Ames, Eugenia Martín; de Teo, Carme Hermida; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, presentaron en rolda de prensa a fase comarcal do Club de Debate. Iníciase así a segunda edición deste certame, cuxa posta en marcha se concretou nunha addenda ao protocolo de colaboración existente asinada o 16 de novembro polos representantes dos concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.

A concelleira de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez, animou os mestres dos centros escolares de Santiago a incentivar os seus alumnos para participar neste Club de Debate, cuxa fase comarcal se celebrará na localidade de Bertamiráns, no Concello de Ames. Previamente, o 18 de decembro, Teo acollerá un curso de preparación para os grupos que finalmente se anoten no certame. A final galega terá lugar en Santiago o 4 de maio.

Rois foi o municipio gañador na fase comarcal da primeira edición e o segundo na fase final galega. O seu alcalde, Ramón Tojo, salientou o compromiso municipal coa lingua galega e aproveitou para convidar a participar no certame ao veciño Concello de Padrón.

Tamén convidou a outro municipio, neste caso a Vedra, a concelleira de Normalización Lingüística de Teo, Carme Hermida, quen ademais do traballo en prol do emprego do idioma galego, destacou a importancia do Club de Debate para "fomentar habilidades comunicativas" entre os rapaces e rapazas, que logo lle servirán para expresarse en calquera lingua. Finalmente, a titular de Normalización Lingüística de Ames, Eugenia Martín, falou da implicación do seu Concello neste torneo, que organiza este ano na súa fase comarcal.

Lingua galega e oratoria
O Club de Debate ten como obxectivo xeral impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo

Torneo por equipos
O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.

Os grupos participan en nome dun centro escolar e teñen que estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de Bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que corresponde a un profesor ou profesora do seu centro, e poderá asistir a un curso de formación inicial para coñecer polo miúdo as normas dos debates e practicar tamén as destrezas necesarias.

Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua mais tamén outros asuntos de actualidade que suscitan polémica na sociedade. O tema da final galega desta edición será: "O galego é unha oportunidade".

Máis participación
En función do número de equipos que se inscriban (antes do 30 de novembro na maioría dos concellos), organizaranse as competicións locais ou comarcais das cales sairá seleccionado o equipo de cada comarca que asista á competición final. Cada un destes equipos campións comarcais recibirá tamén un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. Nesta edición prevese aumentar o número de comarcas que pasarán das catro da primeira edición a seis, de haber suficientes inscricións en todas elas.

O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural de Galicia.

Compartir: