MOBILIDADE

Tráfico adopta medidas para axilizar a circulación e mellorar a seguridade peonil no entorno do centro comercial das Cancelas

22/11/2012 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, deu conta das reunións mantidas nos últimos días cos responsables do Centro Comercial As Cancelas, co fin de analizar a saturación de tráfico producida nos primeiros días de apertura do recinto. Así, vanse adoptar medidas para axilizar o tráfico e para mellorar a seguridade peonil.

Albino Vázquez explicou os atascos no tráfico, especialmente nas xornadas do venres 16 e do sábado 17, pola alta afluencia de visitantes ao centro comercial que provocou que se cubriran as 2.200 prazas de estacionamento do recinto. Segundo o concelleiro, isto causou atascos nas entradas dos estacionamento e atascos no tráfico pola reincidencia dos condutores nos seus intentos de acceder ao centro comercial.

A isto sumouse o estacionamento a ambos lados na rúa do 25 de xullo, que tamén dificultou o tráfico. E no apartado dos peóns, detectouse a moitos peóns cruzando, non polos pasos de peóns, senón pola zona de saída do paso inferior do Camiño Francés, provocando situacións de perigo.

Para intentar paliar estas situacións, especialmente tendo en conta a proximidade de datas de previsible alta afluencia de visitantes, adoptáronse varias medidas, como a prohibición do estacionamento na mencionada rúa do 25 de xullo. Ademais, darase información sobre o estado de ocupación do estacionamento do centro comercial, co fin de que os condutores poidan evitar, en caso de cheo, o colapso no acceso, buscando así aparcamento alternativo.

Así, o centro comercial colocará un panel informativo electrónico co estado de ocupación do aparcamento no propio carril de acceso ao mesmo. Igualmente, en situacións de alta ocupación, comunicarase esta situación nas glorietas de San Lázaro e da praza de España, informando a través de paneis informativos da dispoñibilidade de estacionamentos alternativos no estadio de San Lázaro e en Salgueiriños. O que si descartou o concelleiro foi a opción de habilitar autobuses lanzadeira dende estes aparcamentos de bordo, xa que, de haber atascos, igualmente non circularían con fluidez ao non ser posible un carril bus.

Estas medidas complementaranse con outras que poderá adoptar puntualmente a Policía Local, cuxas dotacións se reforzarán nestas datas de maior influencia. A modo de exemplo, os axentes poderán prohibir determinados xiros na glorieta de acceso para evitar que os vehículos colapsen esta e o acceso ao centro.

Seguridade peonil
No caso dos peóns, e para evitar que estes sigan cruzando a estrada por lugares non habilitados en vez de polos pasos de peóns, vaise prolongar a varanda de separación na saída do paso inferior do Camiño de Francés, colocando ademais fitos máis altos. Cara o futuro, estudarase igualmente a posibilidade de colocar unha varanda na propia beirarrúa se esta medida disuasoria non funcionase.

Lembrou Albino Vázquez que a distancia dos pasos de peóns da entrada a pé do centro comercial obedece a razóns de seguridade, pola propia saída do paso inferior. Non obstante, indicou que se estudará a posibilidade de achegar algo o paso de peóns máis próximo a San Lázaro.

Compartir: