MULLER

A asociación de mulleres "Gizatiar" visita Santiago para coñecer as políticas de igualdade do Concello

15/05/2006 A Asociación Sociocultural de Mulleres de Romo "Gizatiar", procedentes do municipio vasco de Getxo, visitarán maña 16 de maio a cidade de Santiago. O obxectivo desta viaxe é coñecer e aproximarse ás políticas de igualdade que se están a levar a cabo dende o Concello de Santiago e compartir experiencias e información con outras asociacións e colectivos da muller da cidade.

A Concellaría da Muller organizou un programa de actos para recibir e agasallar a esta asociación de mulleres, que comezará coa recepción pola concelleira da Muller, Adelaida Negreira, ás 11:00 horas. Esta recepción propiciará tamén o encontro de "Gizatiar" coas asociacións e colectivos de mulleres de Compostela. Posteriormente, farán unha visita guiada ao Parlamento de Galicia e unha visita turística guiada pola cidade.

"Gizatiar" é unha asociación nacida en 1995 en Getxo, co obxectivo de reclamar un espazo propio para as mulleres fóra do ámbito privado do fogar. Na actualidade conta con máis de 1.600 asociadas, que se definen a si mesmas como "voluntarias sociais". "Gizatiar" significa "amiga/o da persoa".

Compartir: