CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia inaugurou o seu curso 2012/2013

21/11/2012 Celebrouse o acto oficial que deu inicio ao curso académico da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. O alcalde e presidente do Consorcio, Ángel Currás, e o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, presidiron o acto institucional que serviu para inaugurar a actividade docente deste centro de ensino musical no que se imparte o Curso Avanzado de Práctica Orquestral.

A Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia é un centro de educación musical xestionado polo Consorcio de Santiago para a formación e perfeccionamento de futuros profesionais galegos da música clásica, así como a organización de diferentes actividades de divulgación musical. Imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, recoñecido como posgrao propio da USC, e outros máis pequenos, dirixidos ás areas da composición e a música de cámara. A Escola está estreitamente vinculada coa Real Filharmonía de Galicia, coa que forma un único proxecto, sendo os seus músicos profesores na Escola.

Dende a súa creación en 1996, a Real Filharmonía de Galicia tivo unha vocación pedagóxica que marca o seu carácter de maneira singular. Con este acto de apertura de curso o proxecto cobra unha relevancia indubidable, xa que neste curso 2012/2013 van cumprir a súa formación a primeira promoción de alumnos do Curso Avanzado de Práctica Orquestral. Dezaseis alumnos, que iniciaron hai un ano este camiño e que están a adquirir a capacitación necesaria para integrarse, con éxito, ao mundo profesional da música, a súa excelencia profesional.

O proxecto da Escola e da Filharmonía ten, pois, unha vocación galega, e ofrece todos os futuros músicos profesionais un programa formativo de primeira orde, á vez que confirma á música como un referente no ámbito cultural da cidade de Santiago.

Ao finalizar o acto oficial, o musicólogo José López Calo pronunciou unha conferencia titulada A Escola de Altos Estudos Musicais e o futuro do ensino musical en Galicia.

Compartir: