BENESTAR SOCIAL

Santiago de Compostela súmase a unha campaña solidaria de recollida de alimentos

21/11/2012 O 23 de novembro arranca a campaña solidaria Súmate ao noso reto por Santiago. Por cada quilo de comida que does, Intercun doará outro quilo de carne de coello, froito do acordo de colaboración entre Intercun, Organización Interprofesional Cunícola, e o Banco de Alimentos, co fin de chamar á solidariedade dos veciños de Santiago de Compostela.

A sede da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre acolleu a presentación desta campaña, que se realizará durante os venres e sábados comprendidos entre o 23 de novembro e o 15 de decembro. Nestas datas instalarase un punto de recollida onde os veciños se poderán achegar a doar alimentos, que logo serán repartidos entre aquelas persoas que máis o necesitan. Este punto estará na praza Roxa os días 23, 24 e 30 novembro e 1, 7, 8, 14 e 15 de decembro.

A concelleira de Benestar Social Paula Prado agradeceu a Intercun e ao Banco de Alimentos de Santiago esta iniciativa nestes momentos de crise polos que esta atravesando o noso pais. Na súa intervención quixo destacar que esta é unha acción solidaria destinada a cidade de Compostela, "onde cada día hai mais familias que necesitan axuda". Así, a edil apelou á solidariedade dos composteláns para que colaboren con esta iniciativa.

En palabras do presidente do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, "hoxe en día é fundamental levar a cabo este tipo de iniciativas xa que, desgraciadamente, son moitas as persoas que requiren da nosa solidariedade para levar un prato á boca". Acompañou a Paula Prado e José Pita neste acto Gonzalo Rei, xefe de cociña do restaurante El Mercadito.

O coñecido presentador Andreu Buenafuente apoia esta iniciativa totalmente solidaria. Tal e como sinala, "grazas á boa vontade da xente, moitas persoas conseguirán alimentos aos que non poderían acceder doutro modo".

O Banco de Alimentos
A situación económica que estamos a atravesar actualmente en España fai que cada día máis persoas necesiten da solidariedade doutros para alimentarse. O Banco de Alimentos traballa día a día para axudar a estas persoas e demanda produtos saudables, frescos e de calidade.

Os Bancos de Alimentos son organizacións sen ánimo de lucro baseados en voluntarios, cuxa función principal é conseguir e aproveitar os excedentes de alimentos que, estando en boas condicións, se van tirar, e facelos chegar a persoas necesitadas.

A carne de coello
A carne de coello é unha carne magra, rica en vitaminas do grupo B (B12, B6 e B3), en proteínas de gran valor nutricional e baixa en sodio. Estas características fan dela un alimento idóneo para incluír nunha alimentación sa e equilibrada.

Compartir: