ALCALDÍA

O alcalde reivindica o valor industrial do parque empresarial da Sionlla para reforzar o equilibrio socioeconómico da cidade

21/11/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á posta en servizo do parque empresarial da Sionlla, nun acto no que tamén participaron o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en funcións, Agustín Hernández. Logo, xunto con varios concelleiros, o alcalde asistiu á apertura do novo supermercado de Mercadona na Costa Vella.

Ángel Currás agradeceu á Xunta de Galicia o impulso dado a este "amplo e funcional polígono", mostra hoxe dunha "paisaxe empresarial e industrial que expresa a iniciativa dos emprendedores e estimula o desenvolvemento económico da cidade e da súa área de influencia". O alcalde non quixo "laiarse" das oportunidades perdidas pola falta de solo industrial no pasado e felicitouse prudentemente polas "oportunidades de emprego latentes en cada unha das parcelas que integran este parque".

A propósito das características do polígono, destacou a súa "vocación mixta, de uso terciario e industrial, pero é este uso industrial o que ten que definir -cun perfil máis destacado- a identidade do parque empresarial". Así, reivindicou "o valor industrial deste polígono; valor necesario para garantir ou reforzar o equilibrio socioeconómico da cidade".

Entre as súas vantaxes competitivas citou a súa posición xeográfica, próxima ao aeroporto; a Universidade; e a súa situación nun centro de decisións e contactos como é Santiago. E para incrementar esas vantaxes, amosouse confiado en atopar solucións para as necesarias conexións do parque coa AP-9 e a N-550. Esta mellora das conexións é un compromiso que asumiu neste acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou que o da Sionlla é "a maior superficie empresarial desenvolvida pola Xunta en 30 anos".

Cun total de 1,4 millóns de metros cadrados, o parque da Sionlla permitirá acoller a 200 empresas nas súas 138 parcelas. Case o 40% deste solo xa está vendido ou comprometido, segundo indicou o titular do Goberno autonómico.

Novo Mercadona
Logo da inauguración do parque empresarial da Sionlla, o alcalde e varios concelleiros asistiron á apertura do novo supermercado Mercadona da Costa Vella. Este e a segunda superficie comercial que esta firma ten en Santiago de Compostela, sumándose ao existente en Santa Marta.

Compartir: